MOBILIDADE
Insistimos en que a solución para os atascos a medio e longo prazo é darlle a volta ao modelo de mobilidade
Para nós, dentro das competencias municipais, as claves son: priorizar os peóns, reforzar o transporte público aumentando os horarios, reordenando as liñas e instalando carril bus; construír aparcamentos disuasorios ben conectados e, con esas alternativas para deixar o coche na casa, traballar na restrición do coche privado na cidade aumentado o espazo público para as persoas construíndo unha cidade máis segura e na que tanto as bicicletas como os peóns –independentemente da súa condición física, económica ou de idade– poidan empregar o espazo público de maneira igualitaria
Os efectos de darlle a volta ao modelo de mobilidade van desde o eido medioambiental, na calidade do ambiente; no eido da saúde ao promover a mobilidade e a pé; até o eido do comercio ao promover un maior espazo público de calidade nos barrios
Instamos hoxe na Comisión de Mobilidade ao Goberno local a que, no curto prazo, elabore un protocolo de actuación para vindeiros atascos analizando a posibilidade de abrir a Mariña, traballar na sinalización dos semáforos e a regulación con Policía Local
A nosa Portavoz no Concello da Coruña Avia Veira realizou na mañá deste luns unha rolda de prensa previa a celebración da Comisión de Mobilidade na que insistiu na nosa idea de mudar o modelo de mobilidade que hoxe en día rexe na cidade.
Deste xeito, durante a súa comparecencia, Avia avanzou que trasladaría á reunión da Comisión unha proposta baseada en dúas liñas de actuación, unha a curto prazo, e que se concretaba na elaboración dun protocolo, e unha segunda, xa formulando actuacións a medio e longo prazo, máis baseadas en medidas globais en materia de mobilidade.
Así, formulamos no primeiro caso, a respecto da proposta do protocolo de actuación, que se elabore un procedemento para previr situacións como as acontecidas na semana pasada para vindeiros atascos, que incluiría o análise da posibilidade de abrir a Mariña, combinado coa sinaléctica semafórica e a regulación da Policía Local.
A apertura da Mariña sería conxuntural, unicamente provocada por esa situación de colapso do tráfico, e debería combinarse coa sinalización dos semáforos e coordinada pola Policía Local, artellando alternativas para permitir a fluidez. Formulamos a necesidade de que exista esta eventual apertura da zona non como un hábito, senón como unha excepcionalidade e para dar unha solución: non é posíbel que no centro da nosa cidade haxa un atasco durante horas sen que desde o Goberno municipal se actúe e reaccione, e mesmo logo se escuse cun «éche o que hai».
Por outra banda, cremos que a solución aos problemas de tráfico da cidade a medio e longo prazo pasarían por priorizar os peóns, reforzar o transporte público aumentando os horarios, reordenando as liñas e instalando carril bus; construír aparcamentos disuasorios ben conectados e, con esas alternativas para deixar o coche na casa, traballar na restrición do coche privado na cidade aumentado o espazo público para as persoas construíndo unha cidade máis segura e na que tanto as bicicletas como os peóns –independentemente da súa condición física, económica ou de idade– poidan empregar o espazo público de maneira igualitaria.
Cremos que a mobilidade se debe centrar nas e nos peóns. Isto sería darlle a volta ao modelo actual de mobilidade que existe na cidade, centrado no vehículo privado, aos coches, antes que as persoas. Cremos que os efectos de darlle a volta ao modelo de mobilidade van desde o eido medioambiental, na calidade do ambiente; no eido da saúde ao promover a mobilidade e a pé; até o eido do comercio ao promover un maior espazo público de calidade nos barrios.
A Coruña, 17 de decembro de 2018.