XUNTANZA DE MERCEDES QUEIXAS E AVIA VEIRA CO COMITÉ DE EMPRESA
Imos levar as xustas demandas do persoal do INIBIC ao Parlamento galego e ao Pleno do Concello
Mercedes Queixas e Avia Veira –parlamentar e concelleira do BNG, respectivamente- mantiveron esta mañá, nas nosas oficinas do Pazo de María Pita, un encontro cunha representación do comité de empresa da Fundación Profesor Novoa Santos, a entidade que xestiona o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBC).
O BNG partilla as xustas demandas deste colectivo e comprometeuse con el a levalas, en forma de iniciativa, quer ao Parlamento quer ao Pleno do Concello. Na institución municipal, a formación nacionalista promoverá unha Declaración Institucional de apoio a estas traballadoras ante o incumprimento do convenio colectivo por parte da Fundación Novoa Santos.
O incumprimento do convenio prodúcese porque a estas traballadoras non se lles recoñece a súa categoría como investigadoras, senón como persoal de apoio, o cal obviamente penaliza a súa carreira profesional e lastra o potencial do INIBIC como instituto de investigación biomédica adscrito ao CHUAC.
Non ten ningunha lóxica que se poñan atrancos ao desenvolvemento profesional e académico dun persoal altamente cualificado e con grande capacidade de crear valor nunha investigación tan estratéxica para o país como a biomédica.
A Fundación Profesor Novoa Santos, ao ser de interese galego, está tutelada pola Xunta.