DEPUTACIÓN

Estivemos na Deputación para contrastar o noso traballo na cidade

Momento da reunión traballo para lle facer seguimento aos proxectos de colaboración entre o Concello e a Deputación
Momento da reunión de traballo para lle facer seguimento aos proxectos de colaboración entre o Concello e a Deputación

A nosa Portavoz Municipal Avia Veira e varios membros do Goberno da Deputación fixeron repaso dos proxectos previstos para o Concello da Coruña

A construción da primeira residencia universitaria na cidade, o proceso de cesión da xestión do Teatro Colón, a colaboración en iniciativas da área de Turismo como o decidido apoio ao Forum Gastronómico, o financiamento de programación cultural ou o recente convenio para a construción da senda cicloturística foron algúns dos temas que se puxeron sobre a mesa na xuntanza

Estivemos na Deputación para contrastar o noso traballo na cidade

A nosa Portavoz Municipal, Avia Veira, e a vicepresidenta e voceira do goberno provincial, Goretti Sanmartín, xunto co deputado Xosé Regueira e a deputada Ánxela Franco, reuníronse para facer repaso dos distintos proxectos de colaboración que se están a desenvolver entre o Concello e a Deputación da Coruña.

A construción da primeira residencia universitaria na cidade, o proceso de cesión da xestión do Teatro Colón, a colaboración en iniciativas da área de Turismo como o decidido apoio ao Forum Gastronómico, o financiamento de programación cultural ou o recente convenio para a construción da senda cicloturística foron algúns dos temas que se puxeron sobre a mesa na xuntanza desenvolvida esta mañá pola nosa concelleira e distintos membros do goberno da Deputación.

Na reunión, que tivo lugar na sede da Deputación da Coruña, interesámonos polos distintos proxectos financiados pola Deputación e valorouse o importante compromiso que se mostra co concello da Coruña, con importantes investimentos en programas e proxectos de especial relevancia para o desenvolvemento económico da cidade. De maneira especial valorouse a construción da nova residencia de estudantes que levará o nome de Elvira Bao nunha ala do edificio que albergaba o Calvo Sotelo.

Sen dúbida, a construción da nova residencia vai ser un fito para a cidade e iso débese ao compromiso do novo goberno da Deputación de dotar dunha infraestrutura necesaria e imprescindíbel que axudará a que moitos mozos e mozas podan continuar os seus estudos universitarios.

No transcurso da reunión, as compañeiras Goretti Sanmartín, portavoz do Goberno e tamén vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización e a deputada de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco e o compañeiro deputado de Cooperación, Plans Provinciais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico,  Xosé Regueira, informáronos do estado de distintas iniciativas que se están a desenvolver no Concello da Coruña que vai desde a evolución das obras do Calvo Sotelo, o estado dos proxectos do POS como o de eficiencia enerxética da Ronda de Nelle ou a formalización do convenio para a rede ciclista da área metropolitana que conectará os treitos de carrís de bicicletas existentes na cidade cos concellos de Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros nun proxecto que conta cun orzamento de execución de 1.490.857,27 €.

"A Deputación está a participar en proxectos clave para o futuro do Concello da Coruña nun compromiso que responde a unha política transparente, obxectiva e que se rexe pola busca do ben común e a defensa dos dereitos sociais como se pode comprobar en iniciativas como a propia residencia universitaria ou a rede ciclista”, apuntaba Goretti Sanmartín durante a xuntanza.

Tamén especial atención centrou o balance do Forum Gastronómico que se desenvolveu o pasado mes de marzo na Coruña e que convocou máis de 23.000 persoas converténdose no escaparate do turismo gastronómico financiado na metade do seu orzamento pola Deputación da Coruña ou a colaboración coa actividade da Orquestra Sinfónica de Galicia.

A Coruña, 4 de abril de 2017

Estivemos na Deputación para contrastar o noso traballo na cidade