O Goberno municipal segue sen amañar a pista de Mariñeiros
A Coruña, 15 de setembro de 2013.- A concelleira do Grupo municipal do BNG, Ermitas Valencia, sinala que logo de pasar o verán a pista polideportiva dos Mariñeiros segue sen amañar, malia que o BNG xa en xuño presentara unha serie de preguntas interesándose pola situación deste espazo de xogo para as crianzas desta zona.
O Grupo municipal do BNG sinalaba en xuño que a rede da pista que arrodeaba a zona de xogo estaba rota en moitos lugares, con buracos e cos arames saíntes que podían ser perigosos para os que alí xogaban, ademais sinalábase o risco de que ao estar a pista ao pé da rolda de Outeiro, avenida de moito tránsito, e ao haber tantos buracos, as pelotas saían amiúdo cara á rúa, co conseguinte risco para os nenos e as nenas ao saíren na súa procura.
O Goberno municipal contestoulle ao BNG o pasado 6 de setembro que se eliminaron as deficiencias que conlevaban algún risco e así, sinala a nacionalista, quitaron a rede, mais esqueceron de pór outra nova para que durante o verán as crianzas e a xente que frecuenta este espazo puidese facer uso del. Non entende Valencia a tardanza do arranxo, malia a resposta do Goberno que sinala que o Departamento de Conservación e Mantemento segue analizando solucións técnicas para acometer as labores de reforma máis axeitadas.