O Goberno municipal "pasa" da estrada provincial á altura entre Birloque e Feáns
A Coruña, 26 de xullo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno Municipal inhíbese en lle exixir á Deputación da Coruña actuacións na estrada DP-0512 á altura do Birloque e Feáns. Alén disto, as nacionalistas lembran que as obras de ensanche e mellora desta vía, que se desenvolven no termo municipal do Concello da Coruña despois do núcleo de Feáns, seguen bloqueadas desde setembro de 2013.
O BNG presentou para o pleno de xuño unha serie de preguntas escritas sobre a necesidade de pintar varios pasos de peóns á altura do Birloque e de Feáns logo de llelo solicitar veciñas e veciños destes dous núcleos da cidade, así como trasladar a preocupación da poboación pola velocidade do tránsito que pasa por estes lugares. As nacionalistas preguntábanlle ao Goberno Local se tiña pensado levar algunha iniciativa para dar solución a estas socilitudes.
O Goberno Municipal escúdase na titularidade da estrada para non lle exixir á Deputación as actuacións correspondentes de seguranza vial que a veciñanza reclama e non concreta se trasladou as queixas veciñais á administración provincial.
Para alén disto, as nacionalistas lembran que as obras de ensanche e mellora deste mesmo vial, despois de Feáns, seguen bloqueadas desde setembro de 2013. O BNG considera necesario que o Sr. Negreira actúe dunha vez e exixa á Deputación que resolva o contrato e se retomen as obras, posto que se trata dunha estrada moi transitada e dada a súa actual situación supón un grande risco para os e as condutoras, xa que existen importantes desniveis no ensanchamento e ás noites é moi escasa a iluminación.