O Goberno municipal non ten previsto acometer melloras na rúa Meira
A Coruña, 11 de setembro de 2014- O Goberno Local do Partido Popular recoñece, en resposta ás preguntas escritas do BNG sobre o estado da rúa Meira, os graves problemas de accesibilidade desta vía, mais non ten previsto de inmediato levar a cabo actuacións de mellora, adiando posíbeis obras a futuros proxectos sen ningunha concreción temporal.
Así, a veciñanza da rúa Meira terá que esperar pola reforma e o acondicionamento desta rúa que tanto o precisa, motivo polo que un grupo de veciñas e veciños presentou hai uns meses 90 sinaturas demandando solucións aos graves problemas de accesibilidade e mobilidade que ten esta vía da Agra do Orzán.
As veciñas e os veciños denuncian que as beirarrúas, duns 60 centímetros, teñen moi pouca utilidade dada a escasa dimensión e que a distancia entre os portais e os coches estacionados é mínima. Isto ocasiona dificultades no camiñar das persoas pola beirarrúa, así como a saída destas das súas vivendas, sobre todo cando levan un carro da compra, unha cadeira de rodas ou un carro de bebé. Diante destas características que dificultan o seu uso, moitas veciñas e veciños acaban optando por empregar a calzada, que é de único sentido. Esta situación agrávase pola circunstancia de que se trata dunha poboación avellentada.