ESPOLIO DA CIDADE
O Goberno municipal é cómplice do espolio da cidade
Os feitos dos últimos dous días rebelan que o Goberno local non é de fiar no que ten a ver coa súa actuación a respecto dos terreos da Solana e do Finisterre e pregúntase para que vota a favor de mocións que demandan a devolución gratuíta cando está disposto a pagar por eles
O concelleiro de urbanismo fixo un exercicio de hipocrisía inadmisíbel. Durante a asemblea cidadá, onde unanimemente se lle reclamou ao Executivo local que loitara e representara ao pobo da Coruña diante dos intereses especulativos e urbanísticos da Autoridade Portuaria, nin pediu a palabra, nin adiantou a intención do Goberno municipal tendo a decisión xa tomada e agochándoa de xeito intencionado e doloso
O Goberno municipal, aínda aprazada a poxa da Solana e do Finisterre, é cómplice do espolio da cidade e xa quedou retratado ao carón da Autoridade Portuaria
O Goberno da Marea perdeu toda a credibilidade e fiabilidade coa súa actuación a respecto das parcelas da Solana e Finisterre e considera que o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, actuou de xeito desleal e a traizón para coa cidade e o pobo da Coruña.
Despois das súas declaracións nas que defendeu que a vía da negociación coa Autoridade Portuaria é a mais acaída para a cesión dos terreos de La Solana e dos peiraos interiores, e así pasen a mans municipais, cremos que o concelleiro de Rexeneración Urbana carece da máis mínima dignidade democrática. As súas declaracións, xusto ao día seguinte da celebración da Asemblea Cidadá onde, de xeito unánime, 60 entidades reclamaron do Goberno municipal que demandará a cesión gratuíta deses terreos á Autoridade Portuaria, a celebración dunha grande manifestación que encabezara o propio Executivo local, e a convocatoria dun referendo a través dunha Consulta Popular, evidencian a falsidade coa que compareceu diante de todas e todo nós e a pouca ou ningunha credibilidade e fiabilidade que se lle pode ter a este Goberno.
É gravísima a actuación do concelleiro de Rexeneración Urbana e do Goberno da Marea, xa que logo entendemos que se enganou e mentiu á veciñanza da Coruña durante todo este proceso, algo que xa intuiamos en abril de 2016, despois da reunión que Xiao Varela mantivera o 30 de marzo de 2016 con representantes de Portos do Estado, e na que xa adiantabamos a nosa sospeita de que se estaba ante unha operación de “intercambio de cromos” permitindo a venda das parcelas de La Solana e do Hotel Finisterre a cambio da cesión doutros terreos.
Asemade, no primeiro Pleno deste ano, o propio Goberno municipal votou a favor da moción da Comisión Aberta en defensa do Común, moción na que se recollía literalmente Esixir á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta da Solana e do hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027, polo que preguntámonos até onde pode chegar a hipocrisía do Goberno municipal que é capaz de votar a favor dunha cousa no Pleno para logo ocultar as súas verdadeiras intencións, tomar decisións en contra do que a veciñanza lle está a pedir e actuar facendo xusto a contrario tomado partido con quen está a cometer o espolio da nosa cidade.
Cremos que o concelleiro de urbanismo fixo un exercicio de hipocrisía inadmisíbel. Durante a asemblea cidadá, onde unanimemente se lle reclamou ao Executivo local que loitara e representara ao pobo da Coruña diante dos intereses especulativos e urbanísticos da Autoridade Portuaria, nin pediu a palabra, nin adiantou a intención do Goberno municipal tendo a decisión xa tomada e agochouna de xeito intencionado e doloso”, advirte Avia Veira.
Deste xeito, denunciamos que o Goberno municipal, aínda que se aprazou a poxa da Solana e do Finisterre, é cómplice do espolio da cidade e xa quedou retratado ao carón da Autoridade Portuaria e só podemos concluír que o acontecido durante todo o proceso, e concretamente durante estes dous últimos días, foi unha demostración de cinismo dificilmente superábel.
A Coruña, 24 de febreiro de 2017
Artigos relacionados