UNHA INICIATIVA DE FRANCISCO JORQUERA

O Goberno Local debe regular mellor o estacionamento das auto-caravanas

auto-caravanas
Foto de El Ideal Gallego
Alén da súa condición de Patrimonio da Humanidade, a Torre de Hércules é o símbolo por excelencia da nosa cidade. Pois ben, o coidado da súa contorna deixa moito que desexar. Non só polo estado de abandono do antigo cárcere provincial ou polo aspecto que presentan os armacéns situados nun anexo da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, cheos de chatarra, senón tamén polo estacionamento masivo de auto-caravanas no exterior do Aquarium Finisterrae.
O Goberno Local debe regular mellor o estacionamento das auto-caravanas

Ese espazo foi habilitado como aparcamento das auto-caravanas polo Goberno Local, mais a realidade é que eses vehículos invaden agora espazos reservados para os automóbeis (tamén para os autocares) que acoden de visita á Casa dos Peixes. E aínda hai máis: as persoas responsábeis dos museos científicos quéixanse tamén do lixo que as auto-caravanas xeran, con refugallos esparexidos polo chan que mesmo chegan ao piscinarium das focas.

Todo isto leva o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a lle dirixir unha pregunta escrita ao Goberno Local, en demanda de información sobre que pensa facer ao respecto.

Jorquera entende que “cómpre ordenar este xeito de turismo para minimizar a súa afectación paisaxística e ambiental” e, nese sentido, pídelle ao Goberno Local que, tal e como xa se ten feito noutras moitas cidades, se contemple como solución “a habilitación de zonas de aparcadoiro específicas para este tipo de vehículos nas proximidades do casco urbano, ben conectadas co transporte público para que as persoas que se desprazan en auto-caravana poidan visitar a nosa cidade”.

  

O Goberno Local debe regular mellor o estacionamento das auto-caravanas