Festivo si, pero non así
O Goberno Municipal gastará máis de 600.000 euros no San Xoán
O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno Municipal gastará máis de 600.000 euros na festa de San Xoán. E é que o BNG tivo acceso en días pasados o orzamento do IMCE para a festa de San Xoán. Así os gastos reservado polo Instituto Municipal son de 445.012,89 euros e facúltase á Vicepresidenta para incrementar esta cantidade nun 10%, ascendendo entón a 489.514 euros. Unha suba de case un 23% respecto ao ano pasado que foi de 398.470 euros.
A este case medio millón de euros hai que lle engadir os gastos de Turismo: páxina web, vídeo, campaña de posicionamento online, sorteo de viaxes; os gastos da Concellaría de Medio Ambiente: 150 toneladas de madeira, 54 sanitarios portátiles, limpeza das praias; a publicidade pagada desde Alcaldía e outras actividades pagadas por organismos públicos como é o caso do Consorcio para a Promoción da Música.
O BNG xa ten sinalado que o San Xoán é unha festa popular, participativa, familiar, de altísima implantación en todos os barrios da nosa cidade, que non precisa de cartos a esgalla, nin de adobío ningún. Tan só necesita que o tempo acompañe, que haxa seguridade e a conseguinte limpeza posterior. Con isto abonda, o resto pono a xente que celebra esta festa do solsticio do verán. Por tanto, salientan as nacionalistas, hai desembolsos prescindíbeis, máxime nunha época de recortes en dereitos sociais e de encarecemento da vida actual e cunha cidade na que hai máis de 23.000 persoas en situación de desemprego.
O BNG tamén advirte que atraer turismo a esta festa non pode ser a custa de ocultar os elementos propios e singulares que caracterizan tal festividade galega e de empregar lemas tan fóra de lugar e sentido como A los sanjuaneros nos gusta el rock, el pop, las bulerías.