MODIFICATIVO M4/2018
A falta de previsión obriga á Marea Atlántica a destinar todo o remanente de tesouraría ao pago de débeda en vez de destinar parte a investimentos
Avanzamos o noso posicionamento en contra á proposta de modificativo M4/2018 que consiste en gastar 15 millóns de euros do remanente de 2017 no pagamento de débeda no canto de en investimentos
Consideramos imprescindíbel e unha necesidade urxente os investimentos na cidade e entendemos como unha absoluta falta de dilixencia que o Executivo da Marea Atlántica actuase de xeito previsor e eficaz
Xa é un despropósito que haxa 17,4 millóns de remanente na liquidación do orzamento de 2017 porque significa que non se investiu na cidade. Pero as escusas do goberno a respecto de por que van ir o total dos cartos do remanente ao pagamento de débeda na vez que destinalo a investimentos responden a un pasotismo e a unha falta de previsión total: faltou dilixencia do Goberno municipal en cumprir co período medio de pagamento a provedores e non se realizou un esforzo para o cumprimento co período medio de pagamento nalgún dos meses transcorridos desde xuño, que foi o momento desde o que se dispuxo deste remanente de tesouraría
É absurdo que a Marea Atlántica estea máis preocupada de procurar financiamento noutras Administracións cando non é quen de investir os seus propios recursos na cidade
Vimos de avanzar esta mañá en rolda de prensa (á que podes acceder desde esta mesma páxina) o noso posicionamento en contra á proposta de modificativo M4/2018 que hoxe pola mañá se debateu na Comisión de Facenda, xuntanza á que non puido asistir a nosa concelleira Avia Veira por cuestións médicas.
“A cidade adoece de investimentos. Somos coñecedoras de que a Lei de estabilidade orzamentaria obriga primeiro a empregar o superávit de tesourería a atender as obrigas pendentes de aplicar a orzamento contabilizadas a 31 de decembro do exercicio anterior e a amortizar débeda mais tamén permite o financiamento de investimentos financeiramente sostíbeis. Estariamos falando de que, se se fixesen as cousas ben, poderiamos empregar máis de 7 millóns de euros, o mesmo que custou a cuberta de Riazor, para a cidade nas nosas rúas, nas nosas instalacións municipais, nos nosos CEIP, nas instalacións deportivas, nos nosos museos científicos, nos nosos centros cívicos... en definitiva, en multitude de cuestións que terían unha repercusión directa na vida da cidade e na vida da veciñanza”, manifestaba a nosa portavoz no Concello Avia Veira no transcurso da comparecencia.
Para nós, xa é un despropósito que haxa 17,4 millóns de remanente na liquidación do orzamento de 2017 porque significa que non se investiu abondo na cidade mais consideramos que os argumentos do Goberno local de xustificar que o total dos cartos do remanente vaian destinarse ao pagamento de débeda no canto de investimentos son escusas e responden a un pasotismo e a unha falla de dilixencia absoluta.
A modificación lexislativa que modificou o cómputo do período medio de pagamento a provedores entrou en vigor no mes de abril, nese momento xa se está realizando a liquidación, que se aproba no mes de xuño, polo que o Goberno Local se actuase con eficacia tería posto o empeño preciso para cumprir co PMP (pago medio a provedores) que é o requisito indispensábel para poder investir o superávit nos investimentos que precisa a cidade.
Por outra banda, tamén amosamos a nosa sorpresa a respecto de que a Marea Atlántica estea máis preocupada de procurar financiamento noutras Administracións, como é a Deputación saltándose as liñas de subvención programadas para as obras que trata de repartir equitativamente os fondos nos diferentes municipios da provincia da Coruña, no canto de investir os seus propios recursos na cidade ou de deseñar os seus propios orzamentos municipais.
Por último, a nosa compañeira Avia Veira xa avanza a imposibilidade da súa asistencia ao Pleno onde se debaterá o propio modificativo M4/2018: “Tampouco poderei asistir ao pleno convocado para o luns 26 de novembro xa que me atopo nesas datas fóra da cidade, lamento que o alcalde non teña consultado co voceiro e coas voceiras dos grupos municipais, como ten feito noutras ocasións, a data do Pleno extraordinario para garantir a presenza de todos e de todas”, concluía a nosa Portavoz.
A Coruña, 21 de novembro de 2018.