UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O PLENO DO 10N
A falta de control sobre as terrazas preocupa a veciñanza
“Desde que remataron as restricións decorrentes da pandemia, hai unha política de deixar facer por parte do Goberno Local que ten que rematar”, avalía Avia Veira e nese sentido propón unha reforma e actualización da Ordenanza sobre as Terrazas visando que se respecten principios básicos como a seguridade, a accesibilidade e o tránsito de vehículos de emerxencia.
“Estes principios non se están a respectar por esa política de ‘deixar facer’. É por iso que lle imos preguntar ao Goberno Local se pensa regular as terrazas no que fica de mandato”, avanza a concelleira nacionalista.
En realidade, esténdese Veira, “o Goberno Local ten que decidir se prioriza a accesibilidade universal das cidadás e cidadáns ou se considera axeitada a utilización privativa do espazo público sen ningún tipo de control”.
O BNG non lle ve problemas a que as terrazas ocupen parte do espazo público, mais sempre baixo o control e a supervisión do Concello. “Levamos este asunto ao Pleno recollendo o sentir de moita xente que nos transmite a súa preocupación polo desleixo do Goberno Local ante a ocupación do espazo público polas terrazas”, conclúe a concelleira do BNG.