MERCEDES QUEIXAS A MITINEAR NA AGRA
"É fácil resumir o legado de Feijóo na Coruña: cero prazas en residencias públicas, cero vivendas protexidas construídas"
A Coruña non se pode permitir o luxo de ter 4 anos máis no goberno galego a Alberto Núñez Feijóo, dixo esta tarde Mercedes Queixas, número 3 da candidatura do BNG pola Coruña ao Parlamento galego. "Nos últimos 11 anos a Xunta sinxelamente non existiu na Coruña. Cero prazas nas residencias públicas, cero vivendas protexidas, infradotación de recursos humanos e materiais nos centros de saúde. Ese é o legado que nos deixa Feijóo na nosa cidade", engadiu durante o mitin que o BNG ofreceu na Agra do Orzán, na rúa Barcelona, ao pé do Mercado das Conchiñas.
"Reparade en cal foi a grande obra feita por Feijóo durante estes 11 anos na cidade. Unha pasarela a un grande centro comercial. Reparade no que iso simboliza. A súa aposta por un modelo fracasado, o das grandes superficies comerciais", subliñou Queixas, quen estivo acompañada neste acto político pola concelleira Avia Veira e polo ex secretario xeral da CIG Suso Seixo, quen fecha a candidatura nacionalista ao Parlamento galego pola Coruña.
"O modelo do BNG está nas antípodas do do PP. Por iso levamos como proposta declarar Galiza como Zona Saturada de Grandes Superficies Comerciais. Por iso imos promover unha Lei do Comercio Local. Sabemos que son as pequenas tendas as que fan cidade, as que fan trama urbana, as que crían comunidade. Sabemos que son as que máis sofreron os embates da pandemia. Que saiban que nos teñen ao seu carón", dixo.
A reindustrialización do país será tamén unha das grandes apostas do goberno do cambio galego que vai liderar Ana Pontón. "Que significa reindustrializar? Que non imos volver vivir o drama de, por exemplo, Isowat. Unha empresa dun sector tecnoloxicamente avanzado e con emprego cualificado que se viu abocada ao peche non pola súa falta de competitividade, senón porque careceu do apoio do goberno galego, apoio que unha factoría desta mesma empresa si tivo en Castela e León, en Medina del Campo. A Xunta co BNG á fronte será o que non foi estes anos: un aliado dos sectores produtivos deste país", subliñou.
E reindustrializar significa afastarse dos dogmas neoliberais que marcaron a xestión do PP durante estes 11 anos. "Unha das ensinanzas que nos deixa a Covid-19 é que o sector público ten un rol importante que xogar na economía. Por exemplo intervindo en Alu Ibérica. Iso é o que piden os traballadores. Iso é o que reclama o BNG. Iso é ao que se resisten PP e PSOE cando teñen os gobernos", concluíu.