AS PREGUNTAS ORAIS DO BNG NO PLENO

Esther Fontán, a Jorquera: "A desesperación que ten vostede sobre o futuro de Nostián compártea esta concelleira"

Jorquera
O novo contrato da planta de residuos de Nostián, o anterior concluíu en decembro de 2019, está máis no aire que nunca despois de que a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, dixese esta tarde no Pleno, a unha pregunta de Francisco Jorquera, que o modelo de separación húmido e seco da Coruña (consistente en catro contentores na rúa) non tería cabida na nova lei de residuos e solo contaminado que se tramita nas Cortes Xerais do Estado.
Esther Fontán, a Jorquera: "A desesperación que ten vostede sobre o futuro de Nostián compártea esta concelleira"

“A desesperación que ten vostede [sobre o futuro de Nostián] compártea esta concelleira. Desde o comezo da redacción dos pregos [do novo contrato] os atrancos foron continuos”, dixo Fontán. En teoría, os prazos para a conclusión da parte técnica dos pregos conclúen neste mes de febreiro, pero o problema é que nas Cortes Xerais do Estado se está a tramitar unha lei, trasposición dunha directiva europea, que deixaría fóra o modelo de separación húmido e seco da Coruña, segundo a interpretación do texto legal que se fai desde o Ministerio da Transición Ecolóxica.

Explicou Fontán que o Goberno Local está tentando persuadir o Ministerio de que permita unha excepción e non se obrigue a introducir nas rúas da Coruña un quinto contentor, aquel no que se deitarían os residuos plásticos.

No actual modelo hai catro contentores na rúa, un para residuos orgánicos, outro para inorgánicos, un terceiro para vidro e un cuarto para papel. A separación dos inorgánicos faise na planta.

Se fracasar o Goberno Local nas súas conversas co Ministerio –a lei pasou sen modificacións no Congreso e agora se atopa no Senado- a tramitación do novo contrato de Nostián sufriría un novo revés. Tería que se volver redactar a parte técnica do prego e o recente contrato da contenerización na cidade ficaría en entredito.

Se fracasar o Goberno Local nas súas conversas co Ministerio –a lei pasou sen modificacións no Congreso e agora se atopa no Senado- a tramitación do novo contrato de Nostián sufriría un novo revés

“Teríamos un grave problema. Ficaría afectado un contrato de contenerización que acaba de entrar en vigor e se está a aplicar en toda a cidade, co que iso suporía de concienciación para a cidadanía. Meter un contentor máis nesta cidade... iso pode ser o pim pam pum”, dixo graficamente a concelleira.

“O Goberno Local ten que chegar a acordos coa Administración central. Están gobernadas polo mesmo partido. O modelo da Coruña é perfectamente viábel. Non podemos continuar a adiar o novo contrato porque as instalacións de Nostián se están a deteriorar gravemente polo propio paso do tempo”, considera Jorquera. “A planta ten os anos que ten. E ten que ter avarías. Aínda así estamos conminando a empresa para que lle dea cumprido arranxo a estes problemas que vai presentando”, dixo Fontán.

Meter un contentor máis nesta cidade... iso pode ser o pim pam pum”, dixo graficamente a concelleira.

A concelleira remarcou que A Coruña non está soa na “loita” por que o Ministerio admita como válido o modelo húmido seco. Concellos andaluces, navarros e cataláns, “sumando unha poboación de 1,6 millóns de habitantes”, estarían na mesma situación, dixo.

Sobre a antiga prisión provincial

Jorquera preguntoulle tamén ao Goberno Local sobre as xestións feitas perante o Estado para conseguir a cesión gratuíta, após a súa rehabilitación, da antiga prisión provincial.

“Esperamos que podamos ter saídas máis cedo que tarde”, respondeu o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, sen entrar en pormenores.

“Gostaríamos que fose máis explícito nas súas respostas. Por iso pedimos concreción”, retrucoulle Jorquera. “Eu podo simpatizar co que vosté expresa”, respondeu Lage, mais as seguir aludiu ás sentenzas xudiciais contrarias ao Concello e favorábeis ao mantemento dun convenio que obrigaría a Facenda local a desembolsar 1,2 millóns de euros para acceder á titularidade da antiga prisión.

Para o BNG, a coartada xudicial non se ten de pé. Precisamente porque existen esas sentenzas tense que abrir a negociación política, remarcou Jorquera. “Estamos tentando que sexa menos gravoso [o acordo co Estado]”, dixo Lage, dando a entender que en absoluto contempla a hipótese da cesión gratuíta da cadea ao Concello.

Sobre o Castelo de San Antón

Está sen director/a desde 2017. Non ten nin arqueólogo/a, nin conservador/a nin documentalista. “Todo descansa no traballo incansábel dunha técnica”, dixo Jorquera a respecto do funcionamento do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón.

Inquiría o voceiro nacionalista o Goberno Local sobre que plans de futuro ten para potenciar ese museo. Pois ningún a xulgar pola resposta dun Lage que se limitou a consignar que “todos gostaríamos de ter máis medios”.

 

 

 

 

Esther Fontán, a Jorquera: "A desesperación que ten vostede sobre o futuro de Nostián compártea esta concelleira"