MEMORIA HISTÓRICA
Esiximos de vez que se retire a vidreira franquista de María Pita
O principal, que non o único, símbolo franquista na Casa do Concello, segue aí en 2019.
Vimos de esixir a retirada de vez da vidreira franquista que aínda permanece instalada no centro do palacio municipal de María Pita, no acceso interior á planta nobre, logo de ter rematado o 2018, ano que se marcaba o Executivo local como no que se eliminaría este símbolo fascista.
Lembramos que foi o propio Goberno municipal o que se marcou o prazo, e que mesmo chegou a amosar, a través das súas redes sociais a metade do mes de xullo do ano pasado, un presunto novo deseño, destacando que os traballos de substitución se realizarían xusto despois do verán.
O Goberno municipal da Marea Atlántica só amagou desde a aparencia, sen un compromiso firme para eliminar a simboloxía franquista.
Malia telo anunciado até en tres ocasións, incluso ter divulgada a contratación da adxudicación dos traballos de retirada, o certo é que a vidreira de María Pita, o máis significado de todos os símbolos franquistas que seguen a campar na nosa cidade, chegou a 2019. A única actuación con consecuencias prácticas realizada polo Executivo local a respecto da Memoria Histórica foi aplicar o acordo do cambio de nomes de rúas aprobado polo Goberno bipartito; alén da constitución do Consello da Memoria e da Oficina de Atención ás Vítimas o certo é que faltaron iniciativa e resultados do Goberno para retirar a simboloxía franquista.
A Coruña, 2 de xaneiro de 2019.
Noticias relacionadas: