ESPOLIO DA CIDADE
Entendemos a Solana e o Hotel Finisterre como un conxunto; por tanto queremos que se cambie todo
Presentamos esta mañá en rolda de prensa a nosa alegación á modificación puntual da Solana
Solicitamos a devolución do documento para unha nova redacción alegando a exclusión dos terreos do Hotel Finisterre que si estaban incluídos na moción aprobada en Pleno
Non entendemos por que o Goberno da Marea Atlántica non incluíu o Hotel Finisterre na modificación: no mandato do Partido Popular ambos solos pasaron de dotacional público a dotacional privado. Entendemos que todo é un conxunto único, espoliado no seu día e onde se atopaba a praia do Parrote, co que se pretende facer negocio especulativo, polo que é necesario que o documento que se aprobe finalmente protexa todo, garanta o seu uso inequívoco de carácter público e impida calquera negocio que a Autoridade Portuaria ou calquera outra Administración quixera facer
Presentamos esta maña, nunha rolda de prensa, a nosa alegación (que podes descargala premendo aquí) á aprobación inicial da modificación puntual do Plan Xeral de ordenación municipal da Solana, aprobado no Pleno celebrado o pasado 5 de marzo.
Deste xeito, na nosa iniciativa solicitamos a devolución do documento á Área de Rexeneración Urbana para unha nova redacción onde se inclúan os terreos e afectacións correspondentes referidas ao Hotel Finisterre.
A nosa petición fundaméntase en dar cumprimento á totalidade do mandato do Pleno Concello da Coruña que aprobou, o 9 de xaneiro de 2017 unha moción, a nosa proposta mais a iniciativa da Comisión Aberta en Defensa do Común, para “a devolución gratuíta ao concello da Coruña da Solana e Hotel Finisterre”, e que no seu acordo 5 defendía garantir a titularidade municipal e o uso público de ambos espazos adoptando «as necesarias modificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal, ou no seu caso, expropiación».
Así, lembramos na nosa emenda que se ben a modificación aprobada se fundamenta nos acordos tomados naquel Pleno, sen embargo, non o realiza na súa globalidade, obviando unha parte fundamental do acordo, excluíndo terreos que na orixe foran modificados de igual xeito que os que si son obxecto de modificación, e por tanto, existe unha exclusión intencionada que non atende á literalidade dos acordos tomados, por canto o documento que se presenta exclúe deliberadamente os terreos do Hotel Finisterre.
Cabe lembrar que a moción defendida por nós no Pleno solicitaba unha modificación que pretende reverter a titularidade privada pola titularidade pública “PD(pb)” dos espazos referidos, A Solana e o Hotel Finisterre, que xa fora cambiada durante o mandato do Partido Popular no ano 2012, algo que mesmo no apartado 6 (Xustificación do interese público da modificación) do documento que se pretende aprobar inicialmente, está debidamente fundamentado e expresado, polo que resulta incomprensíbel que non se incluirán a globalidade de parcelas que si recollían os acordos da moción do Pleno Concello da Coruña.
Non entendemos por que o Goberno da Marea Atlántica non incluíu o Hotel Finisterre na modificación: no mandato do Partido Popular ambos solos pasaron de dotacional público a dotacional privado. Entendemos que todo é un conxunto único, espoliado no seu día e onde se atopaba a praia do Parrote, co que se pretende facer negocio especulativo, polo que é necesario que o documento que se aprobe finalmente protexa todo, garanta o seu uso inequívoco de carácter público e impida calquera negocio que a Autoridade Portuaria ou calquera outra Administración quixera facer.
A Coruña, 5 de xuño de 2018.