BARRIOS
Encontro coa veciñanza de Novo Mesoiro para trasladar as súas demandas
A veciñanza de Novo Mesoiro ten propostas para a mellora do barrio que son xustificadas e inaprazábeis. O abandono do barrio veu xa desde o comezo da súa construción onde se obviou a dotación de servizos. E isto debe ser mudado
Mantivemos onte unha reunión coa entidade veciñal da que trasladaremos varias iniciativas, comezando cunha batería de preguntas do por que a reforma dos locais municipais da rúa Ribeira Sacra vai ser parcial
Estase a perder unha oportunidade de facer unha obra completa e integral, que valorice a zona e que dote de máis servizos ao barrio, polo que entendemos porque se adía a reforma dos tres locais conxuntamente
Mantivemos na tarde de onte unha reunión coa Asociación Veciñal de Novo Mesoiro onde nos trataron as distintas reivindicacións que a entidade ven reclamando nestes últimos anos.
Deste xeito, unha nova liña de bus que conecte o barrio coa zona hospitalaria e a Universidade, a construción do Centro Integrado de educación, a realización da segunda fase do corredor entre a rúa Fragas do Eume e a rúa Ribeira Sacra, os servizos no Centro Cívico, coma poida ser os servizos de Ludoteca, ou a reforma dos locais municipais da rúa Ribeira Sacra foron, entre outras moitas, as demandas que nos trasladou a presidenta da entidade Mónica Calvo.
Nesta reunión lembramos as distintas iniciativas que xa temos trasladado a respecto do propio Centro Integrado de educación e o Centro de Saúde ao Parlamento de Galiza e nos ofrecemos a presentar propostas de mellora para o barrio no propio Concello da Coruña a respecto daqueles servizos de competencia municipal, tal e como xa fixemos coas emendas (enlace) aos orzamentos de 2018, na que levabamos unha partida de 150.000,00 euros para o remate definitivo da 2ª fase do corredor entre a rúa Fragas do Eume e a rúa Ribeira Sacra, ou outras sendas por valor de 100.000,00 euros, en melloras en seguridade viaria.
“A veciñanza de Novo Mesoiro ten propostas para a mellora do barrio que son xustificadas e inaprazábeis. O abandono do barrio veu xa desde o comezo da súa construción onde se obviou a dotación de servizos. E isto debe ser mudado”, sinalaba Avia Veira na reunión.
Neste sentido, xa esta mesma mañá presentamos unha batería de preguntas ao Goberno municipal (podes descargalas aquí) a respecto do por que só se van reformar dous dos tres locais de titularidade municipal do barrio.
Esta reforma, valorada en 241.610,43 euros, só comprenderá dous, e non os tres locais situados na rúa Ribeira Sacra 15, 17 e 19, cando, ademais, esta demanda vén sendo solicitada pola veciñanza deste barrio desde hai anos, propoñendo para o aproveitamento destes espazos, entre outras cuestións, que se estableceran actividades e servizos derivados do Centro Cívico, que se creara unha aula informática para o uso e gozo da veciñanza, dotar dunha sala de reunións para actos públicos, reunións de comunidades de veciños, presentacións etc.
Asemade, a proposta veciñal salienta que a reforma suporía unha revalorización desta zona do barrio, por canto dar uso a unha infraestrutura en estado de abandono durante todos estes anos, e xa que logo, por establecer unha serie de actividades permanentes que daría lugar a unha maior presencia de persoas, sobre todo pola súa localización, no corredor entre a rúa Ribeira Sacra e a rúa Fragas do Eume, que aínda ten pendente finalizar a súa urbanización. En definitiva, a reforma destes locais serviría para dotar ao barrio de máis servizos. Por tanto, cremos que se está a perder unha oportunidade de facer unha obra completa e integral, que valorice a zona e que dote de máis servizos ao barrio, e non entendemos porque se adía a reforma dos tres locais conxuntamente.
Deste xeito, solicitamos que o Goberno municipal explique por que só se vai realizar a reforma de dous dos tres locais municipais, e non se realiza unha obra completa e integral e solicitamos, tamén, que se aclare que servizos ten pensado dotar o Executivo unha vez sexan reformados definitivamente estes locais
A Coruña, 8 de febreiro de 2018.