NOVO MESOIRO

O emprego das instalacións deportivas municipais queda só ao alcance de privilexiados

Vista exterior do pavillón deportivo de Novo Mesoiro
Vista exterior do pavillón deportivo de Novo Mesoiro

Entendemos inxustificábel que o Goberno da Marea pretendera cobrar 1.271,65 euros á A.VV. de Novo Mesoiro pola celebración da festa do Samaín 2018

É incríbel que a Área de Deporte pretendera facturarlle á entidade veciñal polo emprego do pavillón deportivo de Novo Mesoiro a taxa recollida na ordenanza fiscal número 15 pola celebración dunha festa aberta e de balde á veciñanza do barrio

O emprego das instalacións deportivas municipais queda só ao alcance de privilexiados

Entendemos inxustificábel que o Goberno municipal da Marea Atlántica pretendera cobrar, en aplicación do epígrafe 5.3.2.1 “Festivais e actos non deportivos, por acto, sen despacho de billetaxe”, do apartado C “Polideportivos e Frontóns municipais”, do artigo 6 da Ordenanza Municipal núm. 15 Reguladora da taxa pola prestación de servizos en instalacións deportivas municipais, un total de 1.271,65 euros pola celebración da festa do Samaín que tradicionalmente vén celebrando a Asociación Veciñal de Novo Mesoiro nos últimos anos de forma continuada desde 2013.

A festa, que ten unha longa tradición, programada, en principio, para o vindeiro 4 de novembro, consistente nun magosto, e que se celebrará en colaboración co centro cívico do propio barrio, tivo que ser trasladada ao sábado 3, e desprazarse ás propias instalacións do edificio dependente da Área de Xustiza Social, xa que logo a Área de Deportes informoulles que debían aboar a nomeada taxa, algo que cremos totalmente incríbel.

O uso do pavillón de Novo Mesoiro por parte da Asociación para a celebración destas actividades, dúas veces ao ano, a do propio magosto, e a Festa dos Xogos Lúdicos que realizan en decembro, e que xa anunciaron que suspenden, ambas abertas ao conxunto da veciñanza do propio barrio e nomeadamente ás cativas e aos cativos, e ambas de balde con acceso libre até completar a capacidade, entendemos que debe ser gratuíto xa que logo redunda no beneficio das veciñas e veciños do barrio, asemade de supoñer unha actividade lúdica que a entidade veciñal realiza desinteresadamente. Cremos unha tomadura de pelo que o emprego do pavillón municipal custe máis que o desenvolvemento das actividades e talleres que se pensan desenvolver, que lembramos, algún deles, feitos en colaboración co propio centro cívico do barrio.

Hai que lembrar que a Área de Deportes xa lle aplicou unha “taxa reducida” de 100,44 euros polo emprego deste pavillón nun evento anterior, cando por norma xeral sempre era aplicada a exención polo seu uso e que supoñía que o emprego do pavillón fora gratuíto, polo que non entendemos o cambio de criterio, máis, se cabe, ao se tratar dunha actividade lúdica dirixida a nenas e nenos, e tal e como acontecía en mandatos anteriores ou ao comezo deste mesmo.

Desde logo, e en todo caso, o que si xa adiantamos é que, no debate que se ten que dar a respecto das taxas impositivas para o ano 2019, impulsaremos a reforma da devandita ordenanza fiscal número 15 co obxecto de que todas aquelas actividades sen ánimo de lucro, abertas, solidarias e participativas e que sexan organizadas por entidades e asociacións para o beneficio xeral teñan a posibilidade da exención das taxas, por entendelas de interese social e xeral, ao crer que estas actividades redundan na veciñanza e axudan ao tecido asociativo a manter o seu traballo cotiá.

A Coruña, 24 de outubro de 2018.

O emprego das instalacións deportivas municipais queda só ao alcance de privilexiados