ORZAMENTOS XUNTA 2017
Emendas por valor de 26 millóns de euros: apostar por actuacións concretas na Coruña
Presentamos as emendas aos orzamentos da Xunta para 2017 por valor de case de 26 millóns de euros en actuacións concretas na cidade da Coruña, entre outras, na Ría do Burgo, Ensino, Sanidade, Infraestruturas ou Rehabilitación
O noso deputado Xosé Luís Rivas “Mini” sinalou hoxe na Coruña que os orzamentos que presentou Feijóo son continuístas e destinados só para pagar débeda, non responden ás necesidades reais de Galiza e do pobo e con investimentos que vaian destinados a saír da crise e en beneficio das maiorías sociais
Desde o BNG entendemos que se debe investir na cidade en actuacións que levamos anos demandando: a Ría do Burgo, no colexio para Novo Mesoiro, no centro de saúde para Santa Lucía ou en infraestruturas no enlace do aeroporto coa AP-9. E novamente, como ano tras ano, as prioridades do Partido Popular non pasan por aí, e é por iso que nós seguiremos poñendo enriba da mesa estas actuacións como urxentes e prioritarias
Vimos de presentar esta mañá as que serán as nosas emendas ao orzamentos da Xunta para 2017, por valor de case 26 millóns de euros, en actuacións concretas na nosa cidade, e que pasan por investimentos, entre outros, na Ría do Burgo, Ensino, Sanidade, Infraestruturas ou Rehabilitación.
Na comparecencia, na que contamos co noso compañeiro no Parlamento de Galiza Xosé Luis Rivas “Mini”, sinalouse que a proposta de orzamentos presentada por Feijóo son continuistas, cualificándoos de “máis do mesmo”, e repetindo as mesmas propostas de anos anteriores.
Así, o propio Mini sinalou que os orzamentos están dedicados exclusivamente a pagar débeda, que non teñen en conta as necesidades reis de Galiza e do pobo, e que non existen os investimentos necesarios para, como se dixo na presentación dos mesmos, ser impulsores dun cambio nas políticas, pensados na superación da crise económica e destinados ás maiorías sociais.
Pola súa banda, a nosa concelleira Avia Veira realizou un relatorio das actuacións que propoñemos para a cidade da Coruña e que se pretenden incluír nos orzamentos da Xunta para 2017.
Deste xeito, propoñemos investimentos, en total, para a Ría do Burgo de 5,8 millóns de euros, que pasarían por un Plan Integral de Rexeneración e axudas para a recuperación da actividade, xa que logo entendemos a ría como un motor de crecemento económico para a cidade e a comarca, no que se debe apostar decididamente e investir para recuperar a súa actividade. A falta das dotacións orzamentarias necesarias por parte da Xunta segue a demostrar o abandono constante ao que se ve sometida a nosa ría.
Noutro apartado, en ensino, propoñemos actuacións concretas como o aumento da partida, até 1,35 millóns de euros, para a construción do colexio en Novo Mesoiro, co obxectivo da súa posta en funcionamento para o curso 2017-2018, ou tamén investimentos por máis de 2,3 millóns para actuacións en distintos CEIP, como reparacións diversas, nomeadamente no CEIP San Pedro de Visma, e a construción das cubertas no CEIP Manuel Murguía e no CEIP San Francisco Xabier, ou a construción dunha nova Escola Infantil.
Asemade, tamén presentamos emendas para investimentos en sanidade, como recuperar a partida destinada para a rehabilitación no mercado de Santa Lucía para a construción do centro de saúde, en virtude do protocolo de colaboración asinado polo Concello da Coruña e a propia Xunta en outubro de 2014, elevando o investimento até os 4 millóns de euros. Nesta mesma área, tamén se propoñemos aumentos nas partidas orzamentadas para o Plan Director do CHUAC, chegando aos 6,5 millóns, ou a proposta dunha nova partida para a dotación de persoal para o centro de saúde de Novo Mesoiro.
Tamén facemos propostas de investimentos en infraestruturas. Deste xeito propoñemos que se aumente o investimento para a construción da Estación Intermodal, elevando a partida até os 3 millóns de euros. E seguimos sen entender como a día de hoxe non se realizou a construción da conexión entre o aeroporto de Alvedro coa AP-9 que permitiría unha conexión axil coa nosa cidade e con Santiago e Vigo, algo que se vén demandando tamén desde hai anos, polo que propoñemos incorporar unha partida dun millón de euros.
Por último, presentamos unha emenda para recuperar as instalacións do centro de asistencia Santiago Apóstolo, que hoxe en día está infrautilizado, cunha planta totalmente baleira, demanda trasladada pola veciñanza dos Castros, e que tamén ven sendo reclamado desde hai varios anos.
“Desde o BNG entendemos que se debe investir na cidade en actuacións que levamos anos demandando: a Ría do Burgo, no colexio para Novo Mesoiro, no centro de saúde para Santa Lucía ou en infraestruturas no enlace do aeroporto coa AP-9. E novamente, como ano tras ano, as prioridades do Partido Popular non pasan por aí, e é por iso que nós seguiremos poñendo enriba da mesa estas actuacións como urxentes e prioritarias”, concluía a nosa concelleira Avia Veira ao remate da súa intervención.
A Coruña, 29 de decembro de 2016