Ecuador do mandato en María Pita: "O Goberno Local ten moito que mellorar e moito que rectificar"

Conferencia de imprensa avaliación ecuador mandato 24 de maio de 2021. Avia Veira e Francisco JorqueraConferencia de imprensa avaliación ecuador mandato 24 de maio de 2021. Avia Veira e Francisco Jorquera
O grupo municipal do BNG resume nunha frase a avaliación que lle merecen os dous anos de mandato do gabinete presidido por Inés Rey en María Pita: “O Goberno Local ten moito que mellorar e moito que rectificar”, asegurou esta mañá o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.
Ecuador do mandato en María Pita: "O Goberno Local ten moito que mellorar e moito que rectificar"

“Como é tradición, comparecemos ante os medios para valorarmos o ecuador do mandato”, comezou por dicir Avia Veira. “O noso balance é crítico. Fixemos unha oposición construtiva e con disposición a chegarmos a acordos polo ben da Coruña, mais é evidente que temos o noso propio modelo de cidade e que a xestión do PSOE distou moito de ser satisfactoria”.

“Somos moi conscientes de que estes dous anos estiveron moi marcados por unha pandemia que nos colocou nunha situación enormemente especial, mais é nos momentos críticos cando os gobernos teñen que dar o mellor de si mesmos. E o Goberno Local non estivo á altura”, xulgou Veira.

Jorquera resumiu en tres aspectos as debilidades do Goberno Local nestes dous anos de mandato: falta dun proxecto de cidade claro, ineficacia na xestión do día a día e tendencia á inestabilidade institucional.

“Ao Goberno Municipal fáltalle impulso, carece dun proxecto claro de cidade e a iso únese unha grande ineficacia na xestión”, recapitulou.

Rolda Prensa 2

Iso non significa que o executivo coruñés non faga cousas –“hai obras na cidade, avánzase nas peonalizacións...”- mais as liñas mestras da súa xestión son moi preocupantes, con especial destaque para o urbanismo, onde se ve unha certa nostalxia por “un modelo que criamos superado, como acontece coas Percebeiras e coas ambigüidades e vacilacións á hora de definir o futuro de San Diego”, remarcou.

Tampouco ve Jorquera políticas nidias a hora de lle facer fronte á “desindustrialización da comarca e á perda de emprego”, fenómenos agravados pola crise da Covid-19. “Como tampouco vemos suficiente vontade á hora de facer da Coruña unha cidade verde. Cómpre definir un proxecto de futuro para Nostián, con vistas a que realmente sexa un modelo de xestión de lixo alternativo a Sogama”.

Máis críticas que revelan a falta de proxecto de cidade do Goberno Local: a falta de avances na revisión do mapa de liñas de buses e a renuncia á prestación a través da xestión directa de servizos como os complexos deportivos municipais ou a ausencia de política cultural.

O segundo elemento do diagnóstico que fai o BNG é a parálise na xestión cotiá. “Nos últimos plenos o Goberno Local apenas trasladou asuntos para a súa aprobación”, exemplifica Jorquera. “Non se iniciaron os traballos para o novo Presco, nin para a ampliación dos convenios coas entidades. Mesmo continúan sen se executar axudas concedidas no Presco 2020 por falta de remanente”, estendeuse.

E todo isto é produto, subliñou, dunha decisión errónea, a de prorrogar os orzamentos de 2020 no canto de elaborar unhas contas adaptadas á actual situación. “Non é só que se prorrogasen os orzamentos, é que tampouco se concibiu un plan alternativo para paliar os problemas derivados dunha decisión tan discutíbel”, arguiu Jorquera.

E, por fin, o terceiro elemento de análise, a inestabilidade na Corporación.

“Ciudadanos desapareceu. Asistimos á ruptura do grupo municipal da Marea. O PP vai xa pola terceira voceira”, relatou o portavoz nacionalista. Inestabilidade da que participou tamén o Goberno Local: eis o cesamento de Eva Martínez Acón como concelleira de Emprego e “as continuas mudanzas na área de cultura”.

E inestabilidade que contrasta co “traballo do BNG”, salientou. “Somos unha forza asentada, centrada no traballo e no contacto coa veciñanza, que está a achegar rigor e fiabilidade á política municipal”.

Exercemos a oposición cunha actitude sempre positiva e propositiva”, dixo Jorquera. Precisamente “os trazos do BNG que a sociedade galega premiou nas pasadas eleccións autonómicas”, engadiu.

20210524_110749

O reto que ten agora o BNG por diante, enfatizou, é “ser a alternativa”. “A nosa vocación é construír unha alternativa que dote de impulso verdadeiramente transformador as políticas municipais”, concluíu.

CASA CORNIDE

O BNG aproveitou este contacto cos medios para avaliar o inicio dos trámites por parte da Xunta para declarar como BIC a Casa Cornide.  

“Estamos ledas e ledos por que se incoe este expediente de declaración como BIC, vai ser o comezo do camiño para que se poda devolver ao patrimonio público a Casa Cornide”, dixo Avia Veira, para quen “este palacete, unha xoia do barroco coruñés, ten que volver a patrimonio público porque xa foi público e porque acabou nas mans dos Francos de forma trampulleira”.

Rolda prensa

Agora o que toca é que o Concello presente ante os tribunais a demanda para conseguir a restitución deste inmóbel ao patrimonio público. “Xa llelo pedimos en reiteradas ocasións e volvémolo facer hoxe. Xa dispoñen de informes xurídicos ben cualificados, feitos por xuristas de prestixio da UDC. O Goberno Local ten que presentar a demanda xa”.

“Temos que lle agradecer o seu traballo a todas as persoas que se esforzaron por conseguir o que de xustiza nos corresponde, primeiro a declaración do palacete como BIC e logo a súa devolución ao patrimonio público. E quero lembrar singularmente o labor das 9 persoas, as e os 9 da Casa Cornide, que foron xulgadas e sancionadas polo que foi simplemente unha acción simbólica”, concluíu Veira.

 

 

 

 

Ecuador do mandato en María Pita: "O Goberno Local ten moito que mellorar e moito que rectificar"