ESTE MARTES A PARTIR DAS 10.30
A debate no Parlamento unha iniciativa de Queixas sobre a falta de ventilación nas aulas do Conservatorio
O problema ten como orixe que as xanelas das aulas son moi estreitas e, aínda por riba, o seu ángulo de abertura é tamén moi pequeno.
Esta iniciativa leva a sinatura da deputada Mercedes Queixas e vaise debater nunha sesión parlamentar que dará comezo ás 10.30 horas (é o derradeiro apunto na orde do día). Vaise poder acompañar ao vivo na web da cámara galega.
A Administración galega, advirte Queixas, é perfecta coñecedora da situación que dá pé a esta iniciativa, mais nada se ten feito até o de agora para arranxala, denuncia a deputada nacionalista.
Como é obvio, a falta de ventilación nas aulas pon en risco a saúde de profesorado e alumnado en plena pandemia da Covid-19.
Nesta mesma sesión, a parlamentar do BNG vaille formular unha pregunta oral ao Goberno Galego sobre a situación dos petróglifos de Nostián, cuxo traslado para a súa posterior recolocación (unha vez rematado o poliduto que unirá a refinaría co porto exterior) foi aprobada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza o pasado mes de setembro.