Sobre o convenio cunha promotora privada que afecta o futuro Parque da Agra

Veciñas no Campo da Burra. Parque da Agra Xa!
Veciñas no Campo da Burra a reclamar o Parque da Agra.
Sobre o convenio asinado polo Goberno Local coa promotora privada Dricar de Inversiones S.L., propiedade de Juan Carlos Rodríguez Cebrián, o BNG positiva toda cesión de parcelas que vaia na dirección de aumentar as zonas verdes do Parque da Agra.
Sobre o convenio cunha promotora privada que afecta o futuro Parque da Agra

“Mais a eficacia do convenio depende en último termo de que se leve a Pleno unha modificación puntual do PXOM que execute a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e que, á vez, estabeleza a ordenación urbanística do Parque da Agra”, afirma ao respecto a concelleira do BNG Avia Veira.

A edil nacionalista remarca que o BNG fixará a súa posición definitiva sobre este proxecto urbanístico “en función do que o Goberno Local propoña para o conxunto do Parque da Agra”.

“Desde logo, e tendo en conta que falamos dun dos barrios máis densamente poboados de Europa, a Agra merece un parque digno de tal nome e, por tanto, un parque coa maior extensión posíbel de zonas verdes e de espazos para o lecer da veciñanza”, engade.

De resto, Veira pon o acento en que fica pendente o derrubamento dos muros das rúas Gregorio Fernández e Canceliña e a conseguinte apertura ao público do Xardín do Observatorio, fechado ao público desde a pandemia, e nesa dirección salienta que o BNG se preocupou de que houbese nos orzamentos do Concello deste 2024 unha partida para financiar esa actuación.

En marzo de 2023, o Goberno Local asinou un convenio coa Axencia Española de Meteoroloxía para reabrir o Xardín do Observatorio, acondicionar o espazo -por volta de 5.000 metros cadrados de zonas verdes- e delimitar a área da delegación da AEMT.

15 meses despois, nada foi feito e a veciñanza continúa sen poder acceder ao Xardín do Observatorio, o xerme do que no futuro terá que ser o Parque da Agra.

 

 

 

Sobre o convenio cunha promotora privada que afecta o futuro Parque da Agra