Os Concellos gobernados polo PP poderán meter pola porta de atrás persoas afíns ao seu partido

Os Concellos gobernados polo PP poderán meter pola porta de atrás persoas afíns ao seu partido

A Coruña, 11 de setembro de 2014.- A maioría parlamentaria do Partido Popular no Congreso dos Deputados permitiu hoxe co seu voto que os concellos gobernados polo PP, sinaladamente o do Concello da Coruña, poidan incorporar á administración local pola porta de atrás a aqueles persoas funcionarias afíns que están á fronte das xefaturas de servizo por libre designación, incluíndo as nomeadas estes últimos días. Coa aprobación definitiva desta reforma, que contou co voto en contra do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, aqueles funcionarios afíns ao sr. Negreira, que se sabe polo DOG de onte que acaban de ser nomeados xefes de servizo polo procedemento de libre designación, seguirán no Concello da Coruña logo do seu cese. Móstrase así que a coordinación do Partido Popular cos deputados do Parlamento español é modélica pola sorprendente rapidez e eficacia coa que se actuou, que por desgraza só se dá para resolver as inquedanzas do PP mais non para resolver os problemas que padece a cidadanía no día a día.

Cronoloxía da modélica coordinación do Partido Popular para colocar os seus fronte á lentitude e ineficacia para resolver os problemas que sofre a cidadanía a cotío

A coordinación entre o Goberno do sr. Negreira cos deputados do Partido Popular en canto á rapidez e eficacia coa que se actuou por parte do Goberno Local para colocar os seus nas xefaturas de servizo por libre designación antes da entrada en vigor da nova Lei de racionalización do sector público non deixa de sorprender e contrasta, nidiamente, coa lentitude e ineficacia cando do que se trata é de resolver os problemas que sofre a xente no día a día. E é que hoxe, no Congreso dos Deputados, deixouse lista para a súa publicación a nova Lei, co voto en contra do BNG, tras concluír a súa tramitación parlamentaria no Congreso dos Deputados. Xusto un día despois de aparecer publicada no Diario Oficial de Galiza a resolución do nomeamento dos xefes de servizo polo procedemento de libre designación. Hai que lembrar que a convocatoria destes postos de xefaturas de servizo polo sistema de libre designación foi publicada no DOG o 14 de agosto (cun prazo de presentación de instancias de 15 días hábiles e rematando dito prazo o 2 de setembro), adxudicándose o 9 de setembro e publicándose a resolución onte, 10 de setembro.

 

Convocatoria no DOG

14 de agosto de 2014

Inicio do prazo presentación de instancias

16 de agosto de 2014

Finalización do prazo de presentación de instancias

2 de setembro de 2014

Adxudicación por resolución da tenente alcalde delegada de persoal

9 de setembro de 2014

Anuncio da resolución no DOG

10 de setembro de 2014

Aprobación definitiva no Congreso dos Deputados da Lei de racionalización do Sector Público e outras medidas de reforma administrativa

11 de setembro de 2014

Os Concellos gobernados polo PP poderán meter pola porta de atrás persoas afíns ao seu partido