MEDIDAS PARA FACER FRONTE AOS EFECTOS DA COVID-19

O Concello debe anticipar o 80% das subvencións ás entidades sociais

BNG A CORUÑA

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, demandou hoxe na Xunta de Voceiros que se axilice a concesión dun anticipo polo 80% das subvencións ás entidades sociais que teñen suscritos convenios co Concello.

O Concello debe anticipar o 80% das subvencións ás entidades sociais

Trátase de entidades -asociacións de veciñas, agrupacións culturais...- que continúan a ter gastos correntes, mais que non poden desenvolver a súa actividade con normalidade (algunhas delas mesmo teñen persoal contratado), o que as coloca á beira do peche.

É por iso que o BNG pide que se adiante a concesión do groso das subvencións, ben como que se axilice a convocatoria das axudas en concorrencia competitiva destinadas ás entidades sociais.

Na mesma reunión da Xunta de Portavoces, Jorquera solicitou tamén ao Goberno Local que elabore un informe sobre a situación na que se acha o Servizo de Axuda a Domicilio após terse detectado dous positivos por Covid-19 e un terceiro caso sospeitoso.

Do mesmo xeito, o voceiro nacionalista demandou ao Executivo coruñés maior celeridade por parte dos Servizos Sociais á hora de atender as distintas peticións de axuda, con reforzo de persoal de atención ao público se for necesario.

 

 

 

 

--
O Concello debe anticipar o 80% das subvencións ás entidades sociais