Cómpre que o Goberno Local elimine canto antes o vertedoiro ilegal de pneumáticos de Penamoa
Este foco de sucidade e residuos xa foi obxecto dunha investigación por parte do SEPRONA, coa posta en coñecemento dos feitos ante a Fiscalía de Medio Ambiente por se puidesen ser constitutivos dun delito contra o medio ambiente.
Porén, indica Jorquera nesta iniciativa, a investigación non impediu que as verteduras irregulares se continuasen a producir nos campos de Penamoa, “co conseguinte risco de incendio ao se tratar dunha zona con abundante maleza e toxo”, alerta o voceiro nacionalista.
De feito, xa se teñen producido no lugar algúns lumes que mesmo chegaron a atinxir máis dunha hectárea de terreo.
Urxe, pois, que o Goberno Local “realice cantas actuacións sexan necesarias para eliminar o vertedoiro ilegal de pneumáticos de Penamoa”, ben como tamén cómpre garantir que se proceda á retirada de todos os residuos e á limpeza do terreo.