EXPLOTACIÓN LABORAL

Clece: outra empresa con contratos co Concello da Coruña que explota ás súas traballadoras… E o Goberno Municipal?

Avia Veira e representantes das traballadoras e traballadores de Clece SA falando mentres se producía unha protesta diante do Concello
Avia Veira e representantes das traballadoras e traballadores falando mentres se producía a protesta diante do Concello

É inadmisíbel que o Goberno municipal siga a ignorar as demandas das traballadoras e dos traballadores de Clece e non actúe con contundencia para coa empresa

A representación do cadro de persoal da empresa que presta os servizos na atención ao domicilio contratada polo Concello da Coruña volveu a se manifestar diante de María Pita en protesta das condicións de acoso laboral que sofren por parte da dirección

 Mentres as traballadoras reclaman diante do Concello unha condicións laborais dignas e denuncian as situacións de explotación que exerce a empresa sobre elas o Executivo local adxudicará, mañá na Xunta de Goberno, outro contrato de xestión a Clece, o SAD 2 neste caso

Clece: outra empresa con contratos co Concello da Coruña que explota ás súas traballadoras… E o Goberno Municipal?

Consideramos inadmisíbel que o Goberno siga a ignorar as demandas das traballadoras e traballadores de Clece que doutra volta volveron a se manifestar na mañá de hoxe diante do Concello da Coruña.

Así, e doutra volta como veñen facendo desde hai varias semanas cada xoves, parte do cadro de persoal desta empresa, que ten contratado varios dos Servizos de Atención a Domicilio (SAD) que ofrece o Concello da Coruña, volveu realizar unha protesta na praza de María Pita demandando a mellora das súas condición laborais e en protesta polo acoso laboral que están a sufrir por parte da dirección de Clece SA.

Neste sentido, esiximos do Executivo local unha actuación contundente para coa empresa xa que logo son constantes as queixas que lle teñen trasladado as traballadoras e os traballadores e mesmo lle teñen solicitado amparo á propia concelleira de Xustiza Social, Silvia Camean. Sen embargo, a día de hoxe, o único que teñen recibido por parte das representantes da concellaría e do Goberno da Marea son boas palabras, algo ao que nos ten habituado este goberno, mais ningunha intermediación ou acción directa coa empresa que segue a imposibilitar o exercicio dos dereitos laborais das súas empregadas e dos seus empregados.

Asemade, é inxustificada a nova adxudicación dun SAD para esta empresa que precisamente mañá vaia ser aprobada na Xunta de Goberno.

Entendemos que a empresa vai ser incapaz de facer cumprimento das cláusulas sociais recollidas no prego administrativo xa que logo está máis que contrastado que non garante as condicións laborais das súas traballadoras precisamente no que ten que ver a respecto da conciliación e corresposbilidade da vida persoal, familiar e laboral das persoas adscritas á execución do contrato, incumprimentos que veñen denunciando de xeito continuado as empregadas e os empregados de Clece.

Mentres as traballadoras están reclamando diante do Concello unha condicións laborais dignas e denuncian as situacións de explotación que exerce Clece sobre elas, lembremos, empresa que está prestando un servizo mediante un contrato ao Concello da Coruña, o Executivo local volverá adxudicarlle mañá na Xunta de Goberno outro novo de xestión dun SAD: volve ser outro exemplo máis de que ao Executivo local moi pouco lle importan as condicións laborais coas que desenvolven o seu traballo traballadoras e traballadores de empresas que levan contratos municipais. Preguntámonos novamente para que se inclúen cláusulas sociais nos pregos se logo non se vixía o seu cumprimento, ou mesmo, tendo coñecemento previo de que non se cumpren noutros contratos son adxudicados a esas empresas incumpridoras.

A Coruña, 23 de marzo de 2017.

Clece: outra empresa con contratos co Concello da Coruña que explota ás súas traballadoras… E o Goberno Municipal?