PLENO DO CONCELLO

As cláusulas sociais nos contratos, a situación en Servizos Sociais e o Regulamento de Participación a Pleno

A nosa concelleira Avia Veira momentos antes dun Pleno
A nosa concelleira Avia Veira momentos antes dun Pleno

Preguntaremos no Pleno de abril sobre a aplicación real das cláusulas sociais nos contratos con empresas que realiza o Concello da Coruña

Tamén levaremos ao Pleno a situación das traballadoras e traballadores en servizos sociais e para cando o Executivo local ten pensado comezar coa reforma do Regulamento de participación

As cláusulas sociais nos contratos, a situación en Servizos Sociais e o Regulamento de Participación a Pleno

Vimos de presentar as que serán as nosas preguntas para a resposta oral no vindeiro Pleno ordinario de abril que se celebrará o vindeiro luns día 10.

Así, na nosa primeira pregunta trasladamos para debate a avaliación sobre a aplicación das cláusulas sociais nos contratos que realiza o Concello da Coruña.

Lembramos que a través dunha instrución aprobada en Xunta de Goberno en outubro de 2015 son incluídas cláusulas nos procesos de contratación pública que pretenden garantir que estes se dirixen ao interese social e que foi incorporada polo Goberno da Marea ao facer cumprimento do seu compromiso incluído no programa “25 primeiras medidas”.

Sen embargo, estamos comprobando con moita preocupación e indignación como nas últimas semanas están a se multiplicar as problemáticas laborais e de vulneración de dereitos fundamentais en moitas empresas que teñen contratos en vigor co Concello da Coruña, e incluso como se están a adxudicar novos contratos a empresas que presentan conflitos laborais manifestos en contratacións anteriores, como é o caso da empresa Clece SA, cuxo cadro de persoal está a manifestarse todos os xoves en María Pita. Queremos saber que avaliación fai o Goberno municipal sobre estas situacións e se realmente se está facendo seguimento da instrución aprobada xa hai ano e medio.

Por outra banda, outra das preguntas que queremos que sexa tratada en Pleno será sobre a situación das traballadoras e dos traballadores de servizos sociais.

A semana pasada, en distintos medios de comunicación, saíron publicadas informacións que facían referencia á situación que se vive en servizos sociais, con moitas persoas de baixa laboral, sobrecargas de traballo e incluso denunciándose, o que para os nacionalistas resulta gravísimo, casos de “maltrato institucional sistemático” a persoas usuarias dos servizos, “non respectándose os seus dereitos sobre “continuidade de intervención, privacidade ou perda da persoa de referencia etc”.

Queremos que a concelleira de Xustiza Social e Coidados compareza e aclare todas estas situacións que son denunciadas. Estamos ante dúas cuestións na area de servizos sociais que non poder ser consideradas menores: a atención ás persoas usuarias e a situación laboral das e dos profesionais da área. E non entenderiamos que Silvia Camean non aclarara de xeito convincente que as informacións aparecidas nos medios de comunicación non se corresponden coa realidade do servizo.

Por último, a terceira pregunta que trasladaremos na sesión do luns día 10 está referida á reforma do Regulamento de Participación.

Deste xeito, queremos volver reclamar ao Goberno municipal que afronte dunha vez as reformas do Regulamento de Participación e do Regulamento Orgánico e esíxímoslle que sexa coherente co seu programa electoral, no que se recollían ambas propostas moi nitidamente e ocupando boa parte do encabezado das “99 medidas para o 99%”.

Levamos xa máis de seis meses sen que convoque a Comisión Especial de reforma do ROPC e ROM, que lembremos foi convocada a última vez a petición nosa porque xa levaba sen ser convocada varios meses á aquela altura. Despois de xa case dous anos de mandato é evidente que na folla de ruta da Concellaría de Participación e Innovación Democrática non se contempla a reforma destes regulamentos, a articulación de órganos de participación e xestión descentralizada e a constitución dos órganos de representación con capacidade de decisión e atribucións de democracia real onde cada veciña a veciñanza poda trasladar e resolver as cousas que lle preocupan do seu entorno máis inmediato.

A Coruña, 27 de febreiro de 2017

As cláusulas sociais nos contratos, a situación en Servizos Sociais e o Regulamento de Participación a Pleno