Unha cidade contra a barbarie, a clamar #xustizaparaSamuel
É unha tarde para a historia da Coruña. Unha multitude adonouse da Praza de María Pita para dicir NON á violencia, á crueldade inhumana, á homofobia, e para dicir SI á concordia, a fraternidade, á liberdade sexual e afectiva. Esta é a verdadeira Coruña da que nos orgullamos. Unha cidade que quere e que necesita #xustizaparaSamuel. Que quere e que necesita que esta sexa o último crime contra quen viviu amando a vida.
05 xul. 2021 - 23:01
Foi a Praza de María Pita nesta tarde do 5 de xullo un espazo para a concordia e a dignidade fronte ao odio deshumanizado que entre todas temos que ser quen de expulsar das nosas vidas.

A Coruña non lle falla ás causas que verdadeiramente pagan a pena e poucas como esta, aquí está en xogo o que somos e o que queremos ser como comunidade humana, o que queremos construír e aquilo que queremos varrer da nosa cidade: a intolerancia, a crueldade, a fobia ao amor libre.
A barbarie e a homofobia non teñen nada a facer nunha Coruña que, con moitísima mocidade presente, cargada de futuro e esperanza, hoxe volveu mostrar que está polo amor e pola vida, non polo odio e a morte.