UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
Por un ciclo que honre a obra de Rogelio Groba!
Veira rexistrou este martes un rogo oral para a Concellaría de Cultura programar un ciclo sobre a obra de Rogelio Groba, músico nado en Ponteareas en 1930 e que, salienta a nosa edil, xogou un rol fundamental no nacemento e na vida de institucións musicais coruñesas tan importantes como a Orquestra Sinfónica da Galiza, a Banda Municipal de Música da Coruña ou o Conservatorio Superior de Música.
É unha figura sen a cal non se pode relatar a historia da música culta galega –feita a partir dun profundo coñecemento do noso folclore- nas últimas décadas. Cómpre, por tanto, que desde o Concello se programe un ciclo na súa honra que necesariamente se faga en colaboración coa Fundación Rogelio Groba.
As coruñesas e os coruñeses merecemos gozar coa súa inmensa obra –a comezar polas súas 16 sinfonías e 6 óperas- interpretada por formacións do prestixio da Banda Municipal de Música da Coruña, a Orquestra Sinfónica da Galiza e a Orquestra de Cámara Galega. Agardamos que o Goberno Local teña en conta este rogo.