Un cento de persoas honran o vizoso legado de Pedro Galán Calvete
Por volta de 100 persoas reuníronse este sábado no cemiterio de Santo Amaro, convocadas polo grupo de barrio do BNG de Monte Alto, para renderen tributo á memoria de Pedro Galán Calvete, o mozo galeguista asasinado polos fascistas no 36.
Na súa curta vida, arrebatáronlla con apenas 19 anos, Pedro Galán Calvete participou na fundación das Mocidades Galeguistas —delas foi secretario de Organización na cidade da Coruña—cando Jenaro Marinhas del Valle e outras mozas e mozos. Incansábel activista, fixo parte do núcleo fundador do Clube do Mar e mesmo chegou a dar aulas na universidade popular.
O acto deste sábado —composto de poesía, a de Teresa Ramiro; música, a gaita e a voz de Moncho do Orzán; e de palabra, a do historiador e arqueólogo Felipe Senén—foi unha reivindicación do seu vizoso legado. “A tradición nunca traizoa”, enfatizou Senén no seu vibrante discurso. “Pedro Galán Calvete era un daqueles rapaciños novos que levaban a estrela. Rapaciños que adquirían cultura, unha cultura que tiña uns mestres. Detrás de todo estaba Murguía, quen dicía que para construír un país hai que coñecelo pronto e ben, e con dignidade”, relatou Senén. “Eses mociños que o collían todo” impregnábanse do ensino de figuras como Risco, Ánxel Casal, Vítor Casas ou, por suposto, Castelao. Todas elas influíron na conformación da personalidade do xoven galeguista.
Nacionalismo versus imperialismo. Afirmación da nación negada, Galiza. Ese foi o cerne do pensamento do mozo Galán Calvete. Un pensamento non abstracto, senón voltado para transformar as condicións de vida das clases populares, das que el propio era fillo, contou Senén no seu discurso.
Galán Calvete fai parte dunha listaxe interminábel de “mártires” do nacionalismo, de persoas asasinadas, a partir do golpe fascista de 1936, polas súas ideas galeguistas e de esquerda. “Algunhas delas teñen a sorte aínda de estar no cemiterio, mais outras non teñen esa fortuna”, dixo Senén en alusión aos corpos non resgatados das foxas comúns.