UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Cantos Informes de Avaliación de Edificios se levan presentado no Concello?

Situación actual dos edificios de estilo modernista na avenida de Oza
Os edificios de máis de 50 anos de antigüidade teñen que realizar a IAE
A concelleira do BNG Avia Veira dirixe unha pregunta por escrito ao Goberno Local por medio da cal se interesa por saber cantos informes de avaliación de edificios (IAE) se presentaron xa no Concello da Coruña desde a aprobación do decreto da Xunta 61/2021 en virtude do cal se regulan estes documentos e se crea o rexistro galego de IAE.
Cantos Informes de Avaliación de Edificios se levan presentado no Concello?

Na exposición de motivos desta iniciativa, esclarece Avia Veira que, de acordo co decreto da Xunta, “están obrigados a elaborar e presentar o IAE os propietarios de inmóbeis de uso residencial de vivenda colectiva cando este teña 50 ou máis anos ou a antigüidade que estabeleza o Concello”.

A partir disto, a concelleira nacionalista inquire o Goberno Local se se dirixiu ás comunidades de propietarias/os de edificios de máis de 50 anos para presentaren eses IAE. Veira tamén demanda información cantos dos inmóbeis afectados.

Pregunta igualmente Veira cantos dos inmóbeis dos que xa foi feito o IAE son edificios catalogados e se as conclusións dos distintos traballos realizados serviu ao Goberno Local para “orientar as políticas de rehabilitación nos vindeiros anos”.

“Un bo estudos dos datos que recollen estes informes iluminarían aspectos á hora de coñecer o estado do parque inmobiliario da Coruña tales como a accesibilidade universal, a eficiencia enerxética e o grao de conservación dos edificios”, anota Veira.

Na eventualidade de as comunidades de propietarios non responderen aos requirimentos do Concello para repararen as deficiencias que se observen nas vivendas analizadas, quer saber Veira se o Executivo coruñés está a optar pola execución subsidiaria (o Concello faríase cargo do custo das obras e despois pasaría a factura ás persoas donas do edificio).

 

 

Cantos Informes de Avaliación de Edificios se levan presentado no Concello?