Para cando se vai convocar a Comisión de reforma do ROPC?
Vimos de rexistrar as que serán as nosas preguntas para resposta oral para o vindeiro Pleno que se celebrará a semana que ven. Así, preguntamos para cando ten pensado o Goberno municipal convocar a Comisión especial de reforma do Regulamento Orgánico Municipal e Regulamento Orgánico de Participación Cidadá para comezar coa súa reforma.
O 19 de abril presentamos por rexistro unha solicitude na que se instabamos ao alcalde a convocar a comisión especial de reforma do ROM e ROPC e da que aínda, case dous meses despois, non recibimos resposta. Neste sentido, a comisión só foi convocada para a súa constitución, o día 3 de febreiro de 2016, e da que nada se sabe sobre próximas convocatorias, se se está desenvolvendo algún tipo de traballo ou proposta, e menos aínda, non se compartiu calquera documento cos demais grupos da oposición a respecto da reforma destes regulamentos.
Queremos destacar que a propia existencia da Comisión de reforma destes regulamentos ten orixe no acordo de organización asinado o 20 xullo de 2015 e aprobado en Pleno o 23 do mesmo mes.
É curioso que xustamente un ano despois do Pleno onde foi elixido Xulio Ferreiro como alcalde da cidade, e despois de acordar entre todos os grupos a necesidade da reforma de ambos regulamentos, sendo isto un dos elementos polos cales o BNG decidiu apoiar a investidura, esteamos preguntando no Pleno por esta Comisión; mentres se están realizando actividades, e mesmo suspendendo porque son denunciadas, porque non teñen o amparo xurídico adecuado. É evidente que a reforma do ROPC non é que sexa unha prioridade para o Goberno municipal; simplemente semella non estar na súa folla de ruta., sinala a nosa concelleira Avia Veira.
Preguntamos tamén, polas xestións realizadas a respecto da devolución dos terreos da Maestranza e sobre a mobilidade na cidade
Por outra banda, outra das iniciativas que rexistramos para o Pleno é a respecto das actuacións realizadas recentemente para esixir do Goberno do Estado a devolución gratuíta dos terreos da Maestranza.
Este pasado sábado participamos da marcha organizada pola Comisión Aberta pola Defensa do Común. Recordamos que o Pleno xa ten aprobadas sendas mocións que instaban ao Concello da Coruña o realizar as xestións oportunas para a devolución gratuíta dos terreos da Maestranza.
Aquí non cabe outra postura que unha actitude contundente por parte do Goberno municipal. Estamos asistindo nos últimos meses a un intento de vender por anacos a nosa cidade. A Maestranza, a Solana e Finisterre, os peiraos interiores, e sen contar o cárcere e a estación de autobuses, están sendo obxecto de especulación urbanística pola administración do estado, e ao Concello da Coruña débeselle esixir unha defensa de todos estes terreos, na súa totalidade de titularidade pública, impedindo a súa especulación urbanística e demandando a súa devolución a quen realmente pertencen, a veciñanza da Coruña.
Por último tamén preguntamos a respecto das decisións que tomou ou ten pensado tomar o Executivo local para transformar a mobilidade na nosa cidade.
Xusto no primeiro ano de mandato, lembramos que nin se recuperou o carril bus, algo demandado pola veciñanza e diversos colectivos, e que non se presentou ningún proxecto de carril bici, tal e como levaba a Marea Atlántica no seu programa.
Entendemos que en canto a mobilidade non se realizou ningún cambio nestes últimos doce meses xa que logo seguimos coa mesma política de mobilidade que se realizaba no mandato do Partido Popular: nin se recuperou o carril bus, nin se realizaron actuacións para a implementar o carril bici coas derivacións aos barrios nas rúas de maior tránsito e mediante o habilitado de zonas de baixa velocidade de tránsito (30-20km/h), tal e como levaba a Marea Atlántica no seu programa, nin se presentou ningún proxecto concreto. É por iso que lle preguntamos ao Goberno municipal.