PREGUNTAS ORAIS

O cadro de persoal das bibliotecas municipais, os orzamentos 2018 e as instalacións deportivas a Pleno

Exterior da biblioteca municipal do barrio da Sagrada Familia
Exterior da biblioteca municipal do barrio da Sagrada Familia

Preguntaremos ao Executivo local como ten pensado garantir os postos de traballo existentes hoxe en dia no proceso de remunicipalización das bibliotecas municipais

Tamén trasladamos para o seu debate no Pleno deste vindeiro luns sendas preguntas nas que solicitamos aclarar cando ten pensado o Goberno Local trasladar ás demais formas políticas unha primeira proposta dos orzamentos municipais de 2018 e o sistema de concesión dos usos das instalacións deportivas municipais

O cadro de persoal das bibliotecas municipais, os orzamentos 2018 e as instalacións deportivas a Pleno

Levaremos a debate no Pleno do próximo luns a situación actual de incerteza que ten denunciado o cadro de persoal da empresa Eulen no proceso iniciado polo Goberno municipal de remunicipalización das bibliotecas municipais.

Deste xeito, queremos debater na quenda das preguntas orais, como ten pensado o Executivo local garantir os postos de traballo existentes hoxe en dia despois de que a representación das traballadoras e traballadores amosara as súas dúbidas respecto á subrogación do conxunto do cadro de persoal, asemade de tamén reclamar se respecte as persoas asociadas ao propios postos de traballo.

A semana pasada mantivemos unha reunión con esta representación das traballadoras e traballadores, na que se lles adiantou precisamente a presentación desta iniciativa.

O Goberno da Marea chegou a un momento de incerteza para co plantel, despois de 15 meses de continuos desencontros con traballadores e de informacións contraditorias a respecto de como pretendía resolver esta remunicipalización, agudizado, máis se cabe, despois de se publicar os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas e de como se recollen e se respectarán os dereitos laborais adquiridos.

Xa sinalamos hai dúas semanas que dubidamos que o proceso de remunicipalización das bibliotecas municipais anunciado a «bombo e platillo» poida incluso resolverse no presente mandato. Cremos sinceramente que terá que ser rematalo polo Goberno Municipal seguinte o que amosa a política de fume e foguetes que se desenvolve desde María Pita. E cremos que o Executivo esqueceu que aquí o verdadeiramente importante é salvagardar os postos de traballo e ás persoas que hoxe en día atenden as bibliotecas, polo que entendemos máis que necesario que se explique no Pleno exactamente como se pensan garantir os postos de traballo e que se amose que a prioridade son as persoas.

Os orzamentos de 2018 e as instalacións deportivas municipais

Por outra banda, tamén solicitaremos aclaracións do Executivo na sesión plenaria deste luns de para cando ten pensado trasladar ás demais forzas políticas unha primeira proposta de orzamentos municipais de 2018.

Neste sentido, advertimos que de novo se está a repetir a dinámica do proceso acontecido o ano pasado no que durante varias semanas houbo moitas declaracións de intencións e moitos amagos de “achegamentos”, anunciados en medios de comunicación, tanto polo Goberno municipal como por parte do seu “socio prioritario”, o Grupo Municipal do PSOE, para comezar coa suposta negociación para a elaboración dos orzamentos, mais lembramos que ao final esta “negociación” rematou cunha Cuestión de Confianza.

Se son veraces estas información a respecto de que houbo estes supostos primeiros contactos, no que por certo excluíusenos en todo momento, non estamos dispostas a asistir a outro espectáculo como o acontecido durante finais do ano 2016 e principios deste a respecto da elaboración dos orzamentos. Para nós é prioritario que os orzamentos comecen a executarse cando toca, isto é a partir do primeiro de xaneiro de 2018. E o que estamos observando neste proceso inicial aseméllase moito a experiencias pasadas.

Por último, e como terceira pregunta para  a súa resposta oral, daremos traslado, para o seu debate, o sistema de concesión dos usos das instalacións deportivas municipais e cales son os criterios que se están empregando desde a Concellaría de Culturas, Deportes e Coñecemento para o uso destas dependencias municipais.

A Coruña, 7 de setembro 2017.

 

O cadro de persoal das bibliotecas municipais, os orzamentos 2018 e as instalacións deportivas a Pleno