QUEIXAS LAMENTA QUE O DEBATE SE FURTE AO PLENO

O BNG vota contra o recoñecemento extraxudicial das facturas irregulares do IMCE, motivo da petición de comparecencia de Castro

Consello Reitor do IMCE, con Mercedes Queixas, 19 de xuño de 2025.
Un momento da reunión
O BNG votou esta mañá, no Consello Reitor do IMCE, contra o recoñecemento extraxudicial de créditos (asumir no orzamento de 2025 facturas de 2024) por un importe de 1.113.390,60 euros.
O BNG vota contra o recoñecemento extraxudicial das facturas irregulares do IMCE, motivo da petición de comparecencia de Castro

“Acabamos de votar en contra da proposta do Goberno de Inés Rey de pagar con cargo ao orzamento 2025 máis de un millón de euros de facturas de 2024 pendentes de pagamento, referidas a festas de barrios, ás festas de María Pita, e ao Noroeste Pop Rock”, refire a concelleira nacionalista Mercedes Queixas.

Facturas que se corresponden con gastos que en ocasións se comprometían sen contratos formalizados por escrito e sen crédito no orzamento naquela altura vixente, o de 2024.

“Estamos perante unha práctica irregular e irresponsábel que infelizmente se repite no tempo e que levamos denunciando moito tempo desde o BNG”, pon en destaque Mercedes Queixas, quen lembra que “esta mesma semana, anunciamos en conferencia de prensa a petición de comparecencia no Pleno do concelleiro responsábel de Cultura e Turismo para dar conta destas irregularidades”.

Desta volta engádese unha circunstancia máis. A diferenza do que aconteceu en 2024, o recoñecemento extraxudicial de crédito destas facturas non irá a pleno, senón que foi aprobado directamente este xoves polo Consello Reitor do IMCE.

“Confírmase así aquilo do que alertamos no pleno de febreiro de aprobación inicial dos orzamentos do Concello, cando denunciamos que as contas escondían unhas bases de execución orzamentais que furtaban competencias ao Pleno”, resalta Queixas.

Que o recoñecemento extraxudicial poda ser aprobado polo Consello Reitor do IMCE por parte dun Goberno Local que está en minoría na Corporación constitúe no mínimo “unha anomalía democrática”.

 

 

 

O BNG vota contra o recoñecemento extraxudicial das facturas irregulares do IMCE, motivo da petición de comparecencia de Castro