JORQUERA FOI MOI CRÍTICO COA MALA PRAXE DO GOBERNO LOCAL NA XESTIÓN DO IMCE E PIDE UNHA RECTIFICACIÓN INMEDIATA
Aprobado o modificativo de crédito con todas as facturas pendentes, como esixía o BNG, "polo ben das empresas e traballadorxs da cultura"
Na súa intervención, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, explicou que o BNG vota a favor do modificativo que vai permitir o pagamento das facturas pendentes por responsabilidade e para non prexudicar a terceiros, en definitiva, para que o sector cultural da cidade -que prestou os seus servizos e que está sen cobrar desde 2023, situación que ten abocado a non poucas pemes a unha situación á borde da asfixia económica- non pague os pratos rotos da “mala praxe” do Goberno Local á hora de xestionar o IMCE.
“O mínimo esixíbel a calquera administración é que pague o que debe. Votamos a favor polo ben das empresas e traballadores da cultura que están a agardar para poder cobrar. Ese é o noso xeito de facer política. Creo, sinceramente, que todo o mundo debería tomar nota”, dixo.
Jorquera foi moi crítico coa forma en que o Goberno Local está a xestionar o IMCE e emprazou o Executivo presidido por Inés Rey a que en 2024 non reproduza as malas prácticas que levaron a acumular facturas irregulares pendentes de pagamento por un importe de 4,3 millóns de euros. “Non vale dicir que no pasado tamén houbo modificativos de crédito do IMCE. Estamos en xuño de 2024 e do que se está a falar aquí é de facturas de 2023”, remarcou.
A mala praxe do Goberno Local ten sido posta de relevo no informe do interventor do Concello.
“Ter que recorrer ao recoñecemento xudicial de créditos é revelador dunha mala praxe. Unha mala praxe é asumir compromisos de gasto sen que exista crédito orzamentario adecuado e suficiente. Unha mala praxe é que, como consecuencia da inexistencia de crédito orzamentario, tamén se omitise a licitación e trámites que esixe a lei de contratos e, tamén, o control previo do gasto”, esclareceu o portavoz nacionalista.
Jorquera puxo en valor que o voto do BNG é “decisivo” á hora de “protexer os dereitos de terceiros”, isto é, do sector cultural.
E é que en primeira instancia o Goberno Local amagara con levar a Pleno un modificativo que só incluía facturas por valor de 2,5 millóns de euros. Non o fixo porque o BNG lle advertiu que non ía ter o seu apoio. Posteriormente, e após descubrir que as débedas do IMCE ascendían a 4,3 millóns de euros, Jorquera, en conferencia de prensa, avanzou que o Bloque non voltaría a apoiar ningunha iniciativa do Goberno Local en tanto non se levar a Pleno un modificativo que incluíse todas as facturas.
Isto é o que se fixo hoxe. É certo que fican dúas facturas de 2023 sen se incorporar ao modificativo -por valor de 185 mil euros- mais a razón é que se viron abocadas a unha revisión de oficio polo Consello Consultivo. “As que veñen a este modificativo son todas as que poden vir ao non ser preciso que se sometan a unha revisión de oficio”, esclareceu Jorquera.
A subvención a Compañía de Tranvías
O modificativo de 7,2 millóns de euros vai tamén encamiñado a sufragar á Compañía de Tranvía a subvención polo prezo dos billetes do transporte urbano (o Concello subvenciona o 20%, o Estado o 30%, a Xunta negouse a subvencionar).
Aquí o interventor tamén sinala que a previsión orzamentaria de 2024 para manter a subvención aos billetes do transporte urbano “xa está esgotada”, polo que é preciso que se adopten “as medidas orzamentarias oportunas para non incorrer nun grande déficit orzamentario”.
“Tanto no caso do IMCE como nas bonificacións do billete do autobús estamos a falar de previsións orzamentarias que non se cumpriron”, recalcou Jorquera.
E aquí o único responsábel é o Goberno Local, pois é o executivo quen, ao elaborar os orzamentos, ten toda a información ao seu dispor para saber que diñeiro precisa, con vistas a que cada partida sexa suficiente para atender as necesidades de gasto.
Apoio unánime ás mocións sobre Nostián e o COF de Orillamar
De resto, o Pleno aprobou por unanimidade as mocións do BNG sobre Nostián (para se licitar de vez o contrato da planta, caducado desde 2019, e os pregos se consensuaren co Consorcio das Mariñas) e sobre o COF de Orillamar (para se restabelecer o seu cadro de persoal: 1 psicóloga clínica, 1 traballadora social, 3 administrativas).
Por contra, foi rexeitada a moción contra o proxecto de Altri ao ser votada negativamente polo PP e contar coa abstención do PSOE.
Os 725 mil euros de EMVSA para BiciCoruña
No capítulo das preguntas orais ao Executivo coruñés, o seu portavoz, José Manuel Lage, non deu unha explicación convincente sobre por que o Goberno Local levou ao Consello de Administración de EMVSA, o pasado 17 de xaneiro de 2024, un Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento para esta empresa municipal que incluía unha partida de 725 euros para BiciCoruña.
O problema é que ese diñeiro non aparece nos orzamentos do Concello para 2024, denunciou Avia Veira.
“A Empresa Municipal de Vivendas, Servizos e Actividades necesita para financiar BiciCoruña 725 mil euros desde o pasado 17 de xaneiro e 6 meses despois continúa sen contar con eles”, alegou a concelleira nacionalista.
Como é posíbel que o Goberno Local levase ese Plan ao Consello de Administración sen contar con ningún crédito que o sustentase nos orzamentos do Concello?
Por toda resposta, o portavoz do Executivo coruñés dixo que existe -sen ningún tipo de compromiso nin de prazo temporal- “a previsión de dotar de máis recursos [a EMVSA] e iso non ten que ver coa súa inclusión nos orzamentos de 2024. Iso vímolo ao longo dos anos e é algo facilmente superábel”, concluíu.