O BNG vota en contra do modificativo por non dedicar nin un céntimo ao fomento de emprego
A Coruña, 6 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG votou en contra da aprobación inicial do modificativo de crédito, un modificativo que, tal e como advertiu a concelleira Ermitas Valencia, non dedica nin un só céntimo ao fomento de postos de traballo e que ten como obxectivo pagar os recoñecementos extraxudiciais, é dicir, o que o Partido Popular, cando estaba na oposición, hai tan só dous anos, denominaba facturas ilegales. Na mesma liña, criticou que a transformación que sofre o orzamento na metade do exercicio económico é rechamante: lonxe de que o Concello sirva de impulsor da economía, o PP dá de baixa moitas das obras comprometidas inicialmente nos orzamentos. A ver se así, a base de baixas por anulación, conseguen aumentar a porcentaxe na execución do orzamento de investimentos, ironizou.
A concelleira nacionalista sacoulle as cores ao PP desde o inicio da súa intervención, ao poñer en evidencia as contradicións do partido do Sr. Negreira. Ratifícase o que o BNG vén repetindo: o PP mentía e segue a mentir a través dunha política de intoxicación masiva, sinalou. Recuperou unha acta dunha sesión plenaria de hai apenas dous anos que reflicte que o Sr. Coira non só condenaba os modificativos de crédito, senón que aseguraba que o PP nunca recorrería a eles.
Aludiu, tamén, ao que o PP chamaba, entón, facturas ilegales, os recoñecementos extraxudiciais de crédito, que neste modificativo aprobado inicialmente polo Goberno municipal ascenden a 4,5 millóns. En que se diferencian os recoñecementos extraxudiciais da etapa do PP e os do anterior Goebrno? É que as súas facturas pagadas fóra do exercicio orzamentario bendícenas con auga bendita para que non sexan pecado?, ironizou. Deberían pedir desculpas polas mentiras masivas coas que bombardeaban a opinión pública, salientou.
Ermitas Valencia chamou a atención sobre os 2,7 millóns dos 10,2 millóns do modificativo de crédito que teñen como destino a Compañía de Tranvías. Estes 2,7 millóns de euros correspóndense con facturas da etapa do actual Goberno municipal do PP, concretamente, aos meses de outubro a decembro de 2012. E temémonos que o orzamento insuficiente para lle pagar á Compañía de Tranvías e para pagar os gastos de gas e de electricidade sexa aínda maior, sinalou.
Tamén fixo fincapé no pago das facturas de mantemento, conservación e reparación de instalacións semafóricas, correspondentes aos meses de novembro e decembro de 2012, por valor de 187.000 euros. E é que o Goberno municipal se saltou o procedemento legalmente estabelecido, ao non dispor dun contrato adxudicado para amparar o pago deste gasto (o anterior contrato vencera). Recorreu a nacionalista ao informe de Intervención, que subliña, respecto destas facturas, que no caso de que se tivesen presentado ante a Intervención para a súa fiscalización, sería obxecto de nota de discrepancia por omisión dos trámites esenciais estabelecidos na lei de contratos.
Máis cartos para festas e para o Consorcio de Turismo e menos cartos para autoemprego
A continuación, Ermitas Valencia deu exemplos de baixas por anulación, suplementos de crédito e transferencias que recolle este modificativo. Así, expuxo que o primeiro modificativo de 2013 aumenta 900.000 euros para festas, 1,3 millóns para o Consorcio de Turismo e 4,5 millóns para facturas da etapa de Goberno do PP pendentes de pago. Expuxo tamén a supresión de 396.276 euros para o plan de mellora en mobilidade do tráfico rodado, 204.007 euros en renovación e rehabilitación de firmes, 335.000 euros en reposición de pavimento de vías públicas, 258.000 euros no contrato de limpeza ou 200.000 euros nas obras de reparación da estación de autobuses.
Ademais, a concelleira do BNG advertiu de que o mellor exemplo de caciqueo e de falta de xestión é o modificativo na área de Emprego. Denunciou a eliminación da convocatoria de subvención de iniciativas municipais de emprego (IMES), que estaba dotada de 180.000 euros e que tiña como obxecto fomentar a creación de empresas, o autoemprego e así fomentar a actividade empresarial. A onde van parar estes cartos?, preguntou. Sóbranlles!, criticou.
Tamén denunciou a desaparición das obras de reposición do mercado de Santo Agostiño, para o que estaban previstos 250.000 euros. Criticou que 85.000 euros deses 250.000 se van dedicar a concederlle un convenio a ASCEGA (Asociación de Comerciantes y Emprendedores de Galicia) para o evento Incoruña. De novo, moita pompa, moita axuda ás súas amizas, pero apoio a desempregados, cero, sinalou. Ademais, reprobou que o Goberno municipal gaste a dedo 140.000 euros nun protocolo entre Concello, a Cámara e a Fundación Instituto Cameral, un protocolo que, teoricamente, segundo decreto de Alcaldía de 3 de maio de 2013, non supuñan achega económica ningunha, tal e como pode advertirse no propio decreto.