O BNG vota en contra do ditame da Conta Xeral
A Coruña, 4 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG votou en contra, esta mañá, do dictame aprobatorio da Conta Xeral do exercicio 2013 que se levou á Comisión Especial de Contas.
E é que a Conta Xeral que irá ao pleno do vindeiro luns para a súa aprobación, para posteriormente remitila ao Tribunal de Contas, contempla que 5,37 millóns de euros en facturas quedaron pendentes de aplicar ao orzamento de 2013. Estas facturas, indican as nacionalistas, non foron aboadas aos provedores en 2013 nin foron contempladas tampouco nos orzamentos de 2014, razón pola que o primeiro modificativo de crédito de 2014, destinou 3,81 millóns a pagar estas facturas.
Ademais, a Conta Xeral recolle 75 reparos de legalidade formulados polo interventor, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013, por valor de 2.414.723,18 euros.
As nacionalistas presentaron alegacións que foron desestimadas e que se centraban, entre outras, no aumento da débeda do Concello e da presión fiscal sobre a cidadanía, nas subvencións á Compañía de Tranvías, nas facturas pendentes de aplicar ao orzamento, no gasto en festas, nos cartos orzados sen gastar e nas contas de Emalcsa e Emvsa.