O BNG valora positivamente a retirada do ERE en Alcoa, mais exixe unha tarifa eléctrica galega
A Coruña, 23 de decembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG valora positivamente o anuncio de retirada do proceso de despedimento colectivo na planta de Alcoa instalada na Agrela, despois da poxa que tivo lugar nos días de onte e hoxe. Porén, o BNG advirte de que os resultados da poxa son un parche, dado que dentro de un ano os problemas de Alcoa co custe da enerxía eléctrica volverá darse. Así, a poxa representa unha solución conxuntural a un problema estrutural, a un problema de fondo. Neste contexto, o BNG salienta que a solución definitiva ao problema de Alcoa e doutras industrias galegas pasa por acabar co sistema de interrumpibilidade e por conseguir unha tarifa eléctrica propia para Galiza cun prezo máis barato (como acontece en Euskadi).
O Grupo Municipal do BNG, que levou ao pasado pleno unha moción neste sentido (foi tombada polo Partido Popular) lembra que Galiza é excedentaria en enerxía eléctrica e que exporta o 40 por cento da electricidade que produce. Malia isto e malia o custe social e ambiental derivado da explotación eléctrica, Galiza non conta con ningunha tarifa de seu que favoreza as industrias e tamén as familias, rebaixando o prezo da electricidade.