O BNG quere visitar a planta de Nostián para saber que pasa realmente
A Coruña, 6 de setembro de 2013.- Xosé Manuel Carril, dadas as irregularidades denunciadas desde distintas instancias sobre o funcionamento da planta de Nostián e ante o escurantismo e complicidade do Goberno Local entregou hoxe, xunto os concelleiros dos outros grupos municipais da oposición, César Santiso e Yoya Neira, unha solicitude no rexistro municipal dirixida á alcaldía para poder visitar as instalacións da planta de Nostián e comprobar, así, cal é a situación real do tratamento de residuos.
O Grupo Municipal do BNG xa solicitara no seu día visitar a planta, o 21 de xullo de 2011, non obtendo comunicación ningunha por parte de alcaldía.
A solicitude de hoxe vén tras outra realizada o pasado 23 de agosto, da que tampouco se recibiu resposta por parte de alcaldía, na que se pedía unha reunión co sr. Negreira para que informase aos grupos da oposición sobre as irregularidades na planta de Nostián.
Ante o momento no que se encontra o conflito no que no canto de se resolver, se está a agravar a situación, os grupos da oposición solicitan visitar a planta para comprobar en persoa e in situ cal é a situación real, pois o Concello non informa, olla para outro lado e non fai públicas as auditorías, e ademais a empresa fai o que lle dá a gaña, sinalou Carril.
Sobre a presentación dun ERE temporal por parte de Albada, Carril sinalou que é a proba evidente de que o que está a facer a empresa, como din desde as forzas sindicais, é terrorismo patronal ao abeiro dunha lexislación que si o permite e engadiu, este é o caso que a empresa lle fai ao Concello, na súa postura de lavarse as mans e exixir que negocien as partes.