O BNG presenta unha iniciativa en apoio da Campaña BDS
A Coruña, 2 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG trasladará ao próximo Pleno de novembro un rogo oral co obxecto de que o Concello da Coruña se declare espazo libre de apartheid israelí e a adhesión á Campaña BDS.
As nacionalistas solicitan a declaración do Concello da Coruña de espazo libre de apartheid israelí e a adhesión á Campaña BDS
En xullo de 2005 unha ampla coalición de colectivos palestinos lanzou a campaña BDS Global contra Israel apelando ás persoas con consciencia en todo o mundo para impor amplos Boicots e implementar iniciativas de Desinvestimento e Sancións contra Israel como medida de presión para acabar con a cada vez mais sanguenta limpeza étnica do pobo palestino. Sindicatos, universidades, colectivos sociais, asociacións de consumidoras, movementos pacifistas, concellos, artistas, estudantes, profesionais dos mais diferentes ámbitos e de todos os continentes uníronse nun movemento cidadán e pacífico que crece e multiplica os seus resultados dia da dia. Un movemento global que se converteu no eixo reivindicativo da solidariedade con Palestina. Un movemento global de que Galiza non pode estar ausente. Os obxectivos desta campaña son a finalización da ocupación e colonización de todas as terras palestinas e o desmantelamento do Muro, o recoñecemento dos dereitos fundamentais dos cidadáns árabe-palestinos de Israel para unha igualdade completa e o recoñecemento do dereito dos palestinos refuxiados a retornaren ás súas casas e propiedades como o estipula a resolución 194 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.
A finalización da ocupación e colonización de Palestina ou o recoñecemento dos dereitos fundamentais dos cidadáns árebes-palestinos son, entre outros, os obxectivos desta campaña
Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG solicita ao Goberno municipal absterse de colaborar co Estado israelí, as súas institucións públicas ou os seus representantes oficiais no Estado español, en calquera proxecto de desenvolvemento agrario, educativo, comercial, cultural ou de seguridade, a absterse de contratar servizos ou comprar produtos a empresas israelís ou empresas cómplices de violacións do dereito internacional en Palestina e o compromiso de difundir a campaña BDS entre a cidadanía e apoiala nos seus distintos ámbitos (económico, cultural, deportivo, académico e institucional).