O BNG pregúntase por que o Goberno non falou coa Autoridade Portuaria a cesión dos terreos da Mariña
A Coruña, 27 de xullo de 2015.- En relación cos asuntos tratados na reunión que o alcalde da Coruña, o Sr. Ferreiro, mantivo co presidente da Autoridade Portuaria, o BNG pregúntase por que non tratou a cesión dos terreos da Mariña.
Neste sentido, a formación nacionalista considera que o Goberno municipal debe exixirlle á Autoridade Portuaria a cesión gratuíta ao Concello dos xardíns da Mariña, tal e como pediran as nacionalistas nunha moción presentada no pleno de maio do ano pasado. Uns terreos cuxa urbanización supuxeron un dispendio de recursos públicos municipais en terreos que na súa maior parte son propiedade do ente portuario.
De feito, o Concello da Coruña, sinala o Bloque, financiou en solitario as obras de urbanización da Mariña cun custo global de 6.822.323,79 , supondo un dispendio de recursos públicos en terreos que non son municipais e nunha situación económica e social como a actual.
Amais, o BNG da Coruña manifesta que o mantemento deste espazo aínda «portuario» xa está correndo por conta do pobo da Coruña, en virtude dun convenio asinado polo Goberno local anterior e a Autoridade Portuaria. En base a ese acordo, o Concello da Coruña asume o gasto de 381.669,65 euros anuais durante 10 anos, é dicir, case un total de 4 millóns de euros, para manter uns espazos cuxa titularidade segue a ser da Autoridade Portuaria.