O BNG préguntalle ao Goberno local polos plans que ten para o mercado de Durmideiras
A Coruña, 31 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unhas preguntas para a resposta escrita co fin de coñecer os plans que ten o Goberno local para o antigo mercado de Durmideiras, actualmente en desuso e que forma parte do patrimonio municipal.
As nacionalistas pretenden con esta iniciativa que o Concello lle dea saída a este espazo, para o que reclaman un plan de rehabilitación, máxime tendo en conta que o barrio, en que viven uns 2.000 habitantes, apenas posúe servizos.
Pola outra banda, o Bloque pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira se ten previsto acometer nos últimos meses do mandato algunha das promesas electorais recollidas nos famosos power point do PP. E é que a nove meses da próxima cita electoral, a veciñanza nada sabe do plan integral para Durmideiras, da necesaria dotación de equipamentos públicos, da humanización das rúas, do centro de día, da mellora dos xogos infantís e da cuberta da pista de patinaxe nin da área canina.