CON SEGURANZA SANITARIA E EVITANDO A COMPETENCIA DESLEAL
O BNG pídelle ao Goberno Local que potencie os mercados ecolóxicos
Esta situación levou o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a formular unha pregunta por escrito ao Goberno Local sobre a realización de mercados ecolóxicos nos mercados municipais.
Para o BNG, o Concello debe revitalizar os mercados municipais e unha estratexia nesa dirección é a da diversificación da oferta, permitindo a coexistencia de usos que favorezan a captación de novas usuarias e usuarios.
Nesta iniciativa a formación nacionalista defende que se potencie a existencia de mercados ecolóxicos nas instalacións municipais, naturalmente coas debidas garantías sanitarias fronte á Covid-19 e co establecemento de requisitos que aseguren que non exista competencia desleal cos postos xa presentes nos mercados.
“O Concello non só debe facilitar, senón tamén promover a realización de mercados ecolóxicos, establecendo uns requisitos que eviten que se realicen en condicións precarias e teñan consecuencias indesexábeis”, afirma Jorquera, para quen a autorización do funcionamento destes mercados ten que se realizar “en condicións que aseguren a concorrencia en igualdade de oportunidades e eviten a competencia desleal coas persoas concesionarias de postos nos mercados”.
Isto pasa, naturalmente, por que os titulares dos postos ecolóxicos deben acreditar o cumprimento de requisitos tales como o pagamento das cotas de autónomos ou a posesión do certificado de manipulador/a de alimentos.
Ao BNG parécelle ben que o Goberno Local sexa escrupuloso á hora de regular estas actividades, mais non que non responda ás solicitudes que se lle teñen formulado para a reapertura do mercado ecolóxico en Santo Agostiño ou para o mantemento dunha entrevista coas persoas responsábeis de Labrega Natura.