O BNG pide a comparecencia de Gonzalo Castro para que dea explicacións sobre "diversas irregularidades" na xestión de Cultura e Turismo
En concreto, o BNG solicita a comparecencia do concelleiro delegado destas áreas, Gonzalo Castro, para que, no Pleno ordinario de vindeiro mes de xullo, dea explicacións sobre “diversas irregularidades” na súa xestión.
Irregularidades que veñen de lonxe. Tal e como subliñou na comparecencia o noso portavoz, Francisco Jorquera, “hai algo máis dun ano denunciamos situacións escandalosas de impagos no IMCE”. Daquela ascendían a 3,3 millóns de euros, que foron a un recoñecemento extraxudicial de créditos aprobado polo Pleno o 6 de xuño de 2024.
Pois ben, volta a haber facturas pendentes de pagamento no IMCE que, segundo estimacións feitas polo BNG, ascenden a máis dun millón de euros, até totalizar a cantidade de 1.057.718,92.
Trátase de gasto que se comprometeu sen que houbese crédito ou sen que houbese contratos asinados. “Durante o debate do recoñecemento extraxudicial de créditos de xuño de 2024, advertíamos de que os retrasos nos pagamentos do IMCE constituían unha bola de neve que non paraba de medrar, froito da cultura do ti vai facendo”.
Naquela altura o BNG alertaba tamén de que estamos perante un “problema estrutural e de que había que adoptar medidas para a situación non se cronificar”.
A resposta por parte do Goberno Local, ofrecida polo seu portavoz, foi o compromiso de facer unha análise e unha auditoría do sector institucional. Mais nada se fixo nese sentido e, un ano despois, “atopámonos, outra volta, con que hai impagos por máis dun millón de euros”.
As irregularidades adoptan tamén a forma da prestación de servizos idénticos, efectuados en días sucesivos -isto é, gastos recorrentes e previsíbeis-, sen se licitar nin se contratar no seu conxunto, unha práctica que “causa prexuízos económicos ao Concello”.
O Womex 2023 ofrece un exemplo paradigmático das irregularidades. “Nos últimos días soubemos que o servizo de coordenación técnica, a produción executiva e asistencia fora contratado verbalmente, ao non se poder formalizar un contrato por falta de crédito adecuado e suficiente”, relatou Jorquera, “é dicir, prescindiuse total e absolutamente do procedemento legal establecido”.
A consecuencia é que, para non lle causar un prexuízo á empresa prestataria do servizo, o Goberno Local viuse na obriga de a indemnizar por un importe de 140 mil euros.
A situación do Consorcio de Turismo e Congresos
As prácticas irregulares alcanzan tamén a xestión do Consorcio de Turismo e Congresos.
Aquí hai dúas cousas. Primeira, facturas pendentes de pagamento, por importe de 70 mil euros, algunhas das cales levan varios anos sen abonarse.
A segunda é que ao Consorcio foille denegada inicialmente a concesión dunha subvención de 150 mil euros da Deputación -creada para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas- porque na petición cursada polo Concello non se detallaban os gastos incluídos no orzamento -polo que non era posíbel discernir se eran subvencionábeis ou non- e porque, “e isto é aínda máis grave”, resaltou Jorquera, o Consorcio ten débedas coa Axencia Tributaria.
Facturas do IMCE pendentes de pagamento por valor de máis de un millón de euros e débedas do Consorcio de Turismo e Congresos coa Axencia Tributaria que levaron a que a Deputación lle denegase inicialmente unha subvención por valor de 150 mil euros
Obviamente, o BNG esixe explicacións a este respecto. “Como é posíbel que unha entidade que tiña que dar exemplo, teña débedas coa Axencia Tributaria?”, preguntouse Jorquera. “Queremos saber cal é a contía, cal é o concepto e cal é a razón pola que o Consorcio non está ao día das súas obrigas fiscais”, estendeuse.
As responsabilidades da alcaldesa
Jorquera agarda que a alcaldesa non obstaculice a comparecencia de Gonzalo Castro no Pleno.
“Agardamos que a alcaldesa facilite a dación de contas. A alcaldesa ten unha responsabilidade evidente. Non só porque é quen nomea os concelleiros da área, delegando neles unha serie de competencias, senón porque tamén ostenta a presidencia do IMCE e do Consorcio de Turismo e Congresos”, conclúe.