O BNG pedirá en pleno a non discriminación de nen@s nos campamentos de verán
A Coruña, 7 de setembro de 2014.- O BNG presentará un rogo oral no pleno de mañá, luns, exixindo a non discriminación e a igualdade efectiva de oportunidades en relación coa nena que foi excluída dun campamento.
As nacionalistas que tamén presentaron varias preguntas escritas denunciando a situación desta pequena, con diversidade funcional, que foi expulsada dun campamento organizado pola Concellaría de Cultura, consideran que é inxustificábel excluír a calquera persoa mais é inadmisíbel, en maior medida, se é unha menor cunha discapacidade.
O BNG lembra que o 100% dos campamentos organizados pola Concellaría de Cultura exclúen crianzas con diversidade funcional e cando denunciou esta situación, a resposta lacónica do Goberno do Partido Popular foi O goberno municipal cumpre sempre a lexislación vixente. Porque sabemos, sinalan as nacionalistas, que non pode haber normas que castiguen, que exclúan, que marxinen a quen máis o necesita e polo que levaremos a nosa denuncia ao salón de plenos por medio dun rogo oral.
Neste caso, recorda o Bloque Nacionalista Galego, que a dous meses do comezo dos campamentos, a concelleira de Cultura se comprometera coa nai da rapaza a adoptar medidas para admitir a nena; porén, nada fixo e nin sequera chegou a responder os escritos e chamadas posteriores desta familia.
O Grupo Municipal do BNG lémbralle ao Goberno do Sr. Negreira a obriga que ten o Concello, como administración pública, de atender a diversidade funcional, máis aínda nas actividades de lecer, para que a vida destas rapazas e rapaces se desenvolva coa maior normalidade e en pé de igualdade co resto das nenas e dos nenos.