Non a mamotretos nas Percebeiras, si a un parque público

Jorquera, Avia e militantes do BNG da Coruña perante o soar das Percebeiras
Jorquera, Avia e militantes do BNG da Coruña perante o soar das Percebeiras
Francisco Jorquera e Avia Veira, portavoz e concelleira do BNG en María Pita, visitaron, na compaña de militantes nacionalistas da Coruña, o soar das Percebeiras, á beira do Paseo Marítimo, para mostrar a súa frontal oposición ao proxecto urbanístico que o Goberno Local impulsa nese lugar e para anunciar que no seu canto a formación nacionalista defende a construción dun parque público.
Non a mamotretos nas Percebeiras, si a un parque público

“Este proxecto urbanístico corresponde a un modelo de cidade diametralmente oposto ao que propón o BNG”, dixo Avia Veira, responsábel nacionalista en materia de urbanismo, nunha comparecencia ante os medios feita ao pé do soar. O Bloque, enfatizou por súa parte Francisco Jorquera, vai despregar unha campaña informativa sobre a súa posición a respecto deste proxecto, ao tempo que apoiará as alegacións que formule a veciñanza. “Nós tamén como BNG presentaremos as nosas”, esclareceu Jorquera e a seguir instou o Goberno Local a que reconsidere o proxecto. Se non o facer e finalmente este chegar ao Pleno, “votarémolo con toda seguridade en contra”.

Densificar máis a cidade, atentar contra o medio ambiente á beira do mar, nunca tería sentido, mais moito menos agora, en plena pandemia. “A Covid-19 foi un aviso do planeta, dun modelo de desenvolvemento absolutamente depredador do noso medio”, argumenta Avia Veira.

A concelleira lembra que “en canto nos desconfinamos”  fomos na procura de “espazos libres, ar libre, terreos peonís” “Onde é que se producen os contaxios e os novos gromos, os novos surtos. Pois en zonas moi densificadas”, reflexiona a concelleira. A Coruña xa é unha cidade densa de abondo –“menos de 38 quilómetros cadrados con 245 mil habitantes”-, así que a estratexia ten que ser facela máis permeábel, máis porosa. “Todo o contrario de a encher de mamotretos”, di.

Avia Veira: “Vivimos nunha cidade de menos de 34 quilómetros cadrados con 244 mil habitantes. A pandemia ensínanos que non necesitamos máis densidade de poboación, todo o contrario. Non queremos mamotretos de 14, 11 e 8 alturas á beira do mar”

Ten algunha xustificación este proxecto? “Ningunha. Non está a medrar a poboación. Non hai iniciativas na cidade que estean a atraer nova poboación. Por tanto, quen se vai beneficiar deste proxecto? Quen vai poder comprar pisos nesta urbanización?”, preguntouse Veira.

Sería un proxecto elitista, para “ricos nun barrio de renda baixa”, que, ademais, vulneraría “todas as proteccións lexislativas contra as alteracións climáticas”. “Para que serven as estratexias contra o cambio climático se logo é posíbel proxectar 400 vivendas á beira do mar con mamotretos de 14, de 11, de 8 alturas?  De que serve loitar contra o cambio climático se logo lle engadimos poboación a un barrio denso de por si?”, inquiriu Avia Veira. O proxecto, se se levar adiante, engadiría máis de 1.000 persoas, e verosimilmente outros tantos ou mais automóbeis privados, a unha zona xa moi ateigada.

Fronte a este deseño, o BNG propón aproveitar ese soar para dotar o barrio dun pulmón. “Propomos un parque público para o conxunto das veciñas onde se poda gozar do ar libre do bordo marítimo e onde se protexa o medio ambiente. O Goberno Local ten a obriga de estudar esta opción”, dixo Veira.

Francisco Jorquera: “Pedímoslle ao Goberno Local que reflexione e que non retorne a un modelo urbanístico do pasado que debería estar totalmente superado”

E como xustifica o Executivo coruñés este desenvolvemento urbanístico? Pois apelando á súa aposta por un modelo de cidade compacta como medio para achegar máis calidade de vida á veciñanza. “Ben, mais apostar por un modelo de cidade compacta non pode consistir en densificar aínda máis as poucas zonas libres que fican na cidade e que poderían se destinar a zonas verdes ou a equipamentos”, argúe Jorquera. “Apostar por un modelo de cidade compacta significa, en troca, mobilizar as case 20 mil vivendas baleiras que hai na Coruña para non haberen barrios que se van despoboando mentres na periferia se fan urbanizacións para ricos. Apostar por un modelo de cidade compacta significa mobilizar os moitos soares que existen en moitos lugares da Coruña e que están nun estado calamitoso e de abandono, a maior parte deles focos de sucidade e de infección, e darlles outros usos”, considera o portavoz nacionalista.

“O Goberno Local ten dito textualmente que as políticas urbanísticas consisten en urbanizar, mais eu quero lembrar que urbanizar non significa construír mamotretos”, esténdese Jorquera. “Urbanizar tamén é crear zonas verdes, mellorar a relación da cidade coa mar, preparar A Coruña para as consecuencias do cambio climático...”, conclúe non sen antes instar o Executivo coruñés a que “reflexione e non retorne a un modelo urbanístico do pasado que debería estar absolutamente superado”, a que “aposte por unha nova política urbanística que poña os espazos ao servizo das persoas, que aposte por humanizar esta cidade”.

 

Non a mamotretos nas Percebeiras, si a un parque público