NO PLENO DESTE XOVES
Moción conxunta coa Marea, a proposta de Cadeco, para a devolución dos terreos de Defensa
A iniciativa procurará o acordo da Corporación para instar o goberno municipal a que lle reclame ao Ministerio de Defensa a suspensión definitiva das poxas que abriu para vender os terreos tanto na Maestranza como en Adelaida Muro, e que continúe coa modificación do ordenamento urbanístico “para que os terreos sexan destinados a zona verde e equipamentos públicos”.
Ademais, ínstase a Xunta a resolver o requerimento do anterior goberno municipal para modificar o ámbito de protección das murallas históricas da cidade, o que posibilitaría protexer a zona do Campo da Estrada. E engádese a petición de que o Concello estableza relacións co movemento veciñal e asociativo para decidir o futuro destes espazos, e a convocar un Concurso de Ideas similar ao que se levou a cabo cos peiraos interiores.
Unha reclamación histórica
Esta moción segue a liña das que xa foron aprobadas nos plenos do 11 de abril de 2016, do 11 de xuño de 2019 e no 14 de xaneiro de 2019, en defensa da devolución gratuíta dos terreos do Campo da Estrada e Adelaida Muro. Pola súa vez, son herdeiras das solicitudes que xa desde 1840 recollían chamamentos da cidadanía e o Concello da Coruña para que Defensa devolvese as súas propiedades infrautilizadas na Maestranza.
Do mesmo xeito, lembramos que en xuño de 2017, aínda baixo a presidencia de Mariano Rajoy, o Congreso dos Deputados aprobou unha proposición non de lei para instar á devolución gratuíta dos terreos de Defensa no Campo da Estrada, e contou cos votos a favor do PSOE. Confiamos, polo tanto, en que o partido socialista se manteña coherente con esta postura.