O BNG lembra que se puido aprazar o Pleno e que o Goberno votou a favor dos orzamentos

Avia veira tomando asento antes de comezar o Pleno no que se aprobaron os orzamentos
O BNG lembra que se puido aprazar o Pleno e que o Goberno votou a favor dos orzamentos

A Coruña, 5 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG lembra que durante a celebración da sesión do Pleno onde se aprobaron os orzamentos, a edil nacionalista Avia Veira propuxo, por unha cuestión de orde, o adiamento do punto da orde do día motivada, por non dispoñerse no momento da celebración, dos informes preceptivos dos técnicos municipais a respecto das emendas e contraemendas presentadas ao longo da mañá por todos os demais grupos políticos.

Avia Veira: “Non entendemos agora os laios que se están realizando desde algunha concellaría: o orzamento municipal, incluída unha emenda do PP, foi aprobado no Pleno cos votos a favor da Goberno municipal e o Grupo Municipal do PSOE, polo tanto non é moi lóxico que se lamente quen alzou o brazo votando a favor”

E é que as nacionalistas insisten en sinalar en que a responsabilidade de terse aprobado o documento final é dos tres grupos políticos, isto é Marea Atlántica, PSOE e PP, que participaron dunha sesión que ao seu xuízo debería terse adiado para que o persoal técnico do concello puidera estudar as propostas presentadas e se puidera así dar lugar ao debate  con todos os elementos de xuízo posíbeis.

O Grupo Municipal do BNG lembra que o Goberno municipal puido ter adiado o Pleno se atendera a cuestión de orde proposta polo Bloque

Avia veira tomando asento antes de comezar o Pleno no que se aprobaron os orzamentos

É por iso que o Bloque non entende que a estas alturas o Goberno municipal saia dicindo que ten secuestrada a súa actuación en distintas áreas ao terse aprobado un orzamento “pactado” entre o PP e PSOE. Neste sentido, a concelleira Avia Veira sinala que “O orzamento municipal, incluída unha emenda do PP, foi aprobado no Pleno cos votos a favor da Goberno municipal e o Grupo Municipal do PSOE, polo tanto non é moi lóxico que se lamente quen alzou o brazo votando a favor”, e “que incluso, previamente, podería terse atendido a proposta do BNG, aprazar o desenvolvemento do Pleno, e non dar lugar á trapallada coa que finalmente se resolveu o proceso de elaboración dos orzamentos para este ano”, indica Avia Veira.

O Bloque sinala que agora non é de recibo que concellarías do Executivo local, como a de Participación, se laien publicamente nos medios de comunicación de que só dispoñen de 28.000 euros para executar os programas da súa área para o que queda de ano, cando levan gastado máis de 95.000 euros desde hai seis meses, cando non tiñan partidas orzamentarias asignadas con anterioridade, e que por iso non deixou de desenvolver actividades ou actos. “Se pensa que o desenvolvemento das actividades das concellarías pode verse agora paralizado poderían terse pensado mellor o sentido do seu voto durante a sesión do Pleno onde, lembramos, votaron a favor do orzamento, ou mesmo ter atendido a solicitude que presentamos desde o Bloque, ter adiado a celebración do punto da orde do día, agardar aos preceptivos informes técnicos e finalmente, estudar polo miúdo as emendas presentadas para saber o que ían votar”, conclúe Avia Veira.

 

Noticias relacionadas:

O BNG lembra que se puido aprazar o Pleno e que o Goberno votou a favor dos orzamentos