O BNG insta o goberno local a que se posicione contra o canon bibliotecario
A Coruña, 6 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG levará ao pleno do luns unha moción contra o canon bibliotecario que contempla o Real Decreto 624/2014, de 18 de xullo (BOE do 1 de agosto de 2014) aprobado polo Partido Popular e empraza, así, a que o Goberno do Sr. Negreira se posicione contra este canon instando á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado español a paralización deste Real Decreto.
As nacionalistas expoñen na moción que este Real Decreto determina o pago de dereitos de cada autor/a con base no pagamento dun canon por empréstito; estabelece o pago de 0,004 por empréstito realizado e 0,05 por persoa usuaria das bibliotecas. Ademais, sinala o Real Decreto que mentres non se poida aplicar o pago por empréstito, estabelecerase o canon de 0,16 por obra adquirida pola biblioteca e dispoñíbel para ser emprestada. Esta norma non ten en conta a situación de Galiza, onde non existe un carné de usuaria/o único e onde moitas/os usuarias/os son socias/os de máis dunha biblioteca e, por tanto, por unha mesma persoa pagarase varias veces.
Con este Real Decreto, sinalan as nacionalistas, dáse tamén o paradoxo de que as bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de empréstitos son prexudicadas ao teren que achegar máis cartos por dar un maior e mellor servizo, feito que vai provocar unha rebaixa no seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo unha diminución moi importante das súas adquisicións. Chegando ao absurdo de obrigar as bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos empréstitos para que os concellos propietarios desa bibliotecas poidan pagar menos cantidade polo canon.
O recorte sistemático de orzamentos para as bibliotecas municipais desde que goberna o PP
A moción tamén contempla no acordo, entre outros, que o Pleno se comprometa a defender as bibliotecas municipais como espazos xeradores de cultura polo que garantirá orzamento adecuado para a compra de fondos. E é que o BNG critica os recortes que levan sufrido as bibliotecas do Concello desde que goberna o PP. Amais de retirarlle a axuda á biblioteca veciñal de Monte Alto, o Goberno do Sr. Negreira vén recortando sistematicamente os orzamentos destinados á compra de libros, un recorte que se verá aumentado coa aplicación do canon bibliotecario do Partido Popular. Así, as nacionalistas lembran que con unha biblioteca máis (a do Ágora) o Concello da Coruña destinou 40.000 euros menos á rede de bibliotecas municipais desde que goberna o Sr. Negreira.