O BNG insiste en reivindicar que se garanta a salubridade do solar de Almirante Romai
A Coruña, 9 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que o Goberno Local debe instar, con urxencia, á propiedade do soar de Almirante Romai a que execute as obras necesarias para restituír a salubridade da zona que atinxe sobre todo á veciñanza da praza Almirante Romai e rúa San Roque de Afora.
E é que as persoas que moran ao redor deste soar, que se acha entre os números 4 e 5 da praza Almirante Romai, e que presentaron reiteradas denuncias no concello, non poden nin sequera abrir as súas xanelas do cheiro que desprende, xa que este terreo no que se abandonou ao inicio da construción dun edificio está cheo de auga que vai apodrecendo, ademais de lixo e insectos, converténdose, así, nun foco de infección.
As nacionalistas que presentaron en xullo unha serie de preguntas escritas para se interesar pola situación deste soar (achéganse dixitalizadas, xunto á resposta municipal), sinalan que o Goberno Local debe ordenar, con urxencia, á propiedade a que execute as obras necesarias para restituír a salubridade da zona, e no caso de non cumprir debe procederse á execución forzosa ou á execución subsidiaria.
Este terreo con licenza para edificar e que se abandonou a construción nos seus inicios, está na actualidade en trámite de incoación de expediente de caducidade. Así, en relación con soares a medio construír, como é o caso, o BNG lembra que criticou, no pasado pleno de xullo, en relación coa ordenanza para a intervención e control na execución de obras, implantación de instalacións, actividades ou servizos (rexeitada polas nacionalsitas), que non se estabelecese ningunha medida cos esqueletes ou edificios sen rematar que existen na nosa cidade. O Grupo Municipal do BNG propuxo no citado pleno que a ordenanza contemplase a exixencia da reposición do solar a un estado anterior e o acondicionamento deste estado para uso público cunha pequena intervención para contrarrestar as situacións de esqueletes e edificios a medio facer en distintos puntos da cidade, mentres os propietarios non decidisen acometer novas intervencións suxeita a licenza.