O BNG exíxelle ao Goberno a paralización das ordes de desaloxo no Ofimático
A Coruña, 7 de setembro de 2014.- O BNG solicítalle ao Goberno Local a través dun rogo oral, que levará ao pleno de mañá, que suspenda as ordes de desaloxo das persoas residentes no Ofimático mentres non se aprobe definitivamente a modificación do Plan Parcial do Sector 10 Parque Ofimático que está en trámite.
Todo isto tendo en conta que se está a tramitar a modificación do Plan Parcial e que as persoas afectadas presentaron alegacións. Así as nacionalistas salientan que cumpriría por razóns de prudencia, precaución e cuestións de estrita legalidade, a suspensión dos procedementos de desaloxo mentres non se resolvan as alegacións formuladas polas propias persoas afectadas contra esta modificación parcial.
Tamén o rogo oral recolle que se resolva a situación das persoas residentes que abandonaron as súas casas e cuxo realoxo aínda está pendente, máxime cando o propio Goberno Local pretendía introducila ao abeiro dun informe externo por un procedemento inaxeitado desde o punto de vista legal e sen informes municipais.